Congreso

Rego exixirá a Sánchez cumprir coa Galiza, avanzar en dereitos sociais e nacionais e loitar pola paz

Néstor Rego

Rego reclamará con toda a firmeza a Sánchez que cumpra cos compromisos adquiridos e materialice a Axenda Galega recollida no Acordo de Investidura

O BNG demandará impulsar feitos concretos na conquista de dereitos sociais e no recoñecemento das nacións e do plurilingüismo

“As clases populares galega e do Estado claman paz e dereitos” reivindica o deputado nacionalista

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizará unha pregunta ao Presidente do Goberno durante a vindeira sesión de control na cámara baixa reclamando actuacións contundentes e feitos concretos para impulsar o cumprimento do Acordo de Investidura e avanzar na conquista de dereitos sociais e nacionais. Para o BNG, o executivo estatal debe mostrar maior vontade política para avanzar nas transformacións sociais e desenvolver unha axenda social que permita conquistar dereitos e liberdades.

A vindeira cuarta feira, durante a sesión de control ao Goberno do Estado, o BNG realizará unha pregunta ao Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para exixir que cumpra coa Galiza, se avance en dereitos sociais e nacionais, así como unha postura proactiva na procura da paz.

Cumprir coa Galiza: cumprir o Acordo de Investidura

Un dos primeiros puntos que preocupa á organización nacionalista é a parálise na execución da Axenda Galega, parte esencial do acordo que permitiu a investidura de Pedro Sánchez. Alén da implantación das novas bonificacións da AP-9 e as históricas rebaixas na AP-53, así como os avances para a modernización da rede ferroviaria interna e para a implantación das cercanías ferroviarias, o deputado do BNG lembrará que existen punto do Acordo conseguido que están sen cumprir en relación con lingua, condonación da débeda ou financiamento das políticas sociais e da dependencia.

“A Galiza non pode seguir agardando por promesas e palabras baleiras e no BNG imos exixir con toda a firmeza que o Goberno do Estado cumpra coa Axenda Galega conseguida polo BNG a través do Acordo de Investidura” reivindica o deputado do BNG.

Néstor Rego lembra que o seu apoio ao Goberno sempre estivo condicionado ao cumprimento do Acordo de Investidura e á defensa dos intereses da cidadanía galega. “Nós non estamos aquí para darlle un cheque en branco a ninguén, senón para que a Galiza avance. O Goberno do Estado ten a responsabilidade de cumprir, haxa ou non Orzamentos do Estado” subliña Néstor Rego.

Conquista de dereitos sociais e loita pola paz

Para o deputado nacionalista, esta lexislatura debe ser unha oportunidade para avanzar na conquista de dereitos sociais para as clases populares e impulsar o recoñecemento das nacións e do plurilingüismo, en referencia á futura votación no seo da Unión Europea sobre o uso do galego nas institucións internacionais ou aos compromisos en relación coa administración do Estado e os medios públicos estatais.

Do mesmo xeito, Rego urxe o Goberno a actuar de forma proactiva para a conquista da paz e o remate do xenocidio e a limpeza étnica que está a levar a cabo o Estado xenocida de Israel sobre o pobo palestina. Neste sentido, exixe romper todo tipo de relacións co Estado de Israel e non permitir a súa participación en ningún evento de carácter internacional.