Congreso

Rego defende o concerto económico ante Montero: “Queremos unha Galiza con futuro e iso pasa por un bo sistema de financiamento”

Néstor Rego

O BNG defende un cambio de modelo: pasar do sistema de réxime común actual a un concerto económico que recoñeza a capacidade fiscal e garanta xustiza, proporcionalidade e solidariedade

“Que existe un infrafinanciamento non o di o BNG, dio o Consello de Contas que en 2024 o cifrou en 1.535 millóns anuais, 20 000 millóns entre 2009 e 2021” subliña Rego

O deputado nacionalista critica que o PP rexeite unha quita da débeda de 4010 M€, que permitiría liberar recursos para mellorar os servizos públicos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de interpelar á Vicepresidenta primeira e ministra de Facenda do Goberno do Estado para reclamar a apertura dunha negociación seria que permita implantar un sistema de financiamento xusto para a Galiza, baseado no concerto económico. Rego sostivo que o actual modelo, regulado pola Lei 22/2009, é “inxusto, insuficiente e discriminatorio” e está entre as causas do atraso socioeconómico que sofre o País.

Durante a interpelación, o deputado nacionalista denuncia que a Galiza padece desde hai décadas un infrafinanciamento estrutural, acreditado polo Informe do Consello de Contas de maio de 2024, que o cifra en 1.535 millóns de euros. O déficit acumulado entre 2009 e 2021 ascendería -segundo este organismo fiscalizador- a 20.000 millóns, unhas perdas que “teñen un impacto directo na calidade de vida e no benestar da cidadanía galega”.

“Acabar con este espolio fiscal permanente é a razón que leva o BNG a defender un modelo de concerto” afirma Rego durante a interpelación.

Infrafinanciamento e custos territoriais invisíbeis

Rego explica que a estrutura territorial galega —dispersión poboacional extrema, envellecemento e unha extensa rede viaria de titularidade municipal ou provincial— multiplica os custos dos servizos públicos. “A dispersión apenas pesa 0,6% na poboación axustada, cando condiciona decisivamente o custo da totalidade dos servizos públicos, da sanidade e a educación ao transporte, a atención á dependencia ou o abastecemento e saneamento” denuncia.

A Galiza representa só 5,8% do territorio e 5,6% da poboación mais, tal e como apunta Néstor Rego, concentra 50% dos núcleos de poboación do Estado e 60% dos núcleos de menos de 100 habitantes. Para Rego, isto evidencia que “os criterios do sistema non responden ao real custo dos servizos, senón á correlación política de quen os negociou”.

Fenda fiscal: máis de 5.000 millóns anuais que quedan no Estado

O deputado nacionalista sinala que só no exercicio 2022 o Estado recadou na Galiza 15.385 millóns de euros, mais só devolveu 10.041 millóns a través do actual sistema de financiamento que cualifica de “inxusto, insuficiente e discriminatorio”. “A diferenza, 5.344 millóns en favor do Estado, mostra até que punto o modelo prexudica á Galiza” subliña.

Rego engade a esta discriminación o impacto do chamado efecto sede: case 4.000 empresas que operan no País teñen o seu domicilio fiscal fóra, fundamentalmente en Madrid, o que desvía impostos como o de Sociedades. “Madrid é un pozo sen fondo, unha aspiradora de recursos alleos que, para alén de aproveitar de maneira perversa o efecto sede, permite despois o luxo de sinalar que é a que máis contribúe” reprocha.

O concerto económico: unha proposta do BNG viábel e beneficiosa para a Galiza

O BNG defende para a Galiza un modelo de concerto económico, semellante ao existente en Euskal Herria, que permitiría xestionar e recadar todos os impostos xerados no territorio e contribuír despois, mediante unha cota, ao financiamento dos servizos comúns do Estado.

En opinión do deputado do BNG, Néstor Rego, trátase dun sistema “perfectamente viábel, xuridicamente posíbel e beneficioso para o País” que permitiría superar as limitacións dun sistema baseado na necesidade para avanzar a un modelo baseado na capacidade financeira real da Galiza.

“Eses recursos a maiores con que podería contar a administración galega serían fundamentais para poder mellorar os servizos públicos e elevar o nivel de vida e benestar de todos os galegos e galegas” afirma Rego. “Non estamos a pedir privilexios; estamos a pedir xustiza fiscal para que a Galiza poida desenvolver todo o seu potencial” sentenza.

O PP lastra o futuro da Galiza

Por último, o deputado nacionalista sinala que o Partido Popular “mantén unha posición indigna” de se negar a unha quita de 4010M€ para a Galiza conseguida polo BNG durante o Acordo de Investidura. “O PP nunca tivo interese en que a Galiza tivese recursos e está a utilizar a Xunta de Galiza como unha ferramenta de confrontación política co Goberno do Estado, en vez de velar polos intereses de todos os galegos e galegas”. denuncia Rego.