Reclaman ante a Valedora do Pobo a apertura ao público do Castelo do Príncipe de Cee
Sexrio Domínguez (responsábel comarcal da Costa da Morte): “Sería un elemento dinamizador do turismo na Costa da Morte, e un dereito da veciñanza a coñecer o noso patrimonio cultural e histórico”
O BNG e a Plataforma en Defensa do Castelo do Príncipe presentaron ante a Valedora do Pobo un escrito de reclamación no que demandan a apertura ao público deste ben de interese cultural (BIC), solicitando que a institución inste ao Goberno galego a que faga cumprir a normativa que establece un réxime de visitas ao público de catro días ao mes.
“É unha obriga a apertura deste castelo e por iso damos este paso ante a Valedora do Pobo para que se respecte a lei, que indica que este ben de interese cultural que temos no Concello de CEE ten que abrir catro días ao mes”, salientou o portavoz municipal do Bloque neste municipio, Serxio Domínguez, “por iso presentamos este escrito para conseguir dunha vez por todas que a Consellería de Cultura dea un paso adiante e lle obrigue ao propietario á cumprir coa lei, porque ter un BIC ten vantaxes pero tamén ten obrigas”.
Xunto ao factor dinamizador para o turismo e a súa beneficiosa repercusión na economía local, o portavoz municipal do Bloque apela ao dereito dos veciños e veciñas de CEE “para que a xente do pobo que nunca entramos teñamos acceso a coñecer e visitar este patrimonio cultural e histórico cando queiramos”.
Hai máis BICs na Costa da Morte que tamén deberían poder utilizarse como reclamo turístico para unha comarca necesitada de dinamismo económico e social, -recalcou Domínguez-, quen salientou o “gran traballo” que está a levar a cabo a Plataforma en Defensa do Castelo do Príncipe que lidera Pablo Álvarez, quen tamén se desprazou á sede da Valedora do Pobo en Santiago para presentar esta reclamación.