Parlamento Galego

A praga da couza da pataca débese á importación masiva e á política de “brazos cruzados” da Xunta

  • Mini Rivas reclama medidas eficaces para os produtores dos 31 concellos afectados e pide ao Goberno que actúe sen esperar ordes de Madrid

O portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, criticou a política de “brazos cruzados” da Xunta de Galiza en relación á praga da couza guatemalteca que afecta á produción de pataca e que ten en xaque aos produtores de 31 concellos en Ferrolterra e na Mariña lucense.

O deputado do Bloque atribuíu a chegada da couza as importacións masivas de pataca obviando a barreira protectora da trazabilidade do produto.

“Non funcionou a trazabilidade, houbo importacións en toda a regra, non me digan que a couza veu nunha bolsa de patatas traída por un turista de Canarias”, ironizou Rivas, que acusou ao Executivo de ter agravado o problema que inicialmente afectaba a tres concellos “porque se limitaron a esperar as ordes de Madrid a través dun decreto anunciado como se a Xunta no tivese competencias plenas”.

Rivas denunciou o “desamparo” que senten os produtores que ven “como a praga avanza sen que existan directrices actualizadas de como actuar desde as publicadas no DOG de novembro de 2015 ”. “A pataca de cedo xa está plantada, a semente está comprada e ninguén sabe que facer diante do silencio oficial porque están pendentes do que diga Madrid”, criticou.

“Somos comedores de patacas e estamos en perigo”, advertiu o portavoz parlamentario de Agricultura, quen concluíu reclamando da Xunta “medidas concretas e inmediatas para solucionar esta praga da pataca, tendo en conta que Galiza produce máis de medio millón de toneladas deste tubérculo nunha superficie de 19.350 hectáreas.