Prado transmite o total apoio do BNG ao pobo saharauí no XV congreso da Fronte Polisario

O BNG, representado pola coordinadora da Área de Internacional, Montse Prado, asiste ao XV congreso extraordinario da Fronte Polisario que se celebra os días 8 e 9 de de Xullo en Dajla, os campamentos de refuxiados saharauís situados en Tinduf (Arxelia).

Máis de 2.000 persoas, ademais de delegacións de organizacións políticas de diversas partes do mundo, activistas e organizacións da rede de solidariedade co pobo saharauí van participar neste cumio, que se celebra baixo o nome de Mohamed Abdelaziz e co lema Forza, Determinación e Vontade para impoñer a Independencia e a Soberanía.

O congreso ten como cometido principal a elección do novo líder do pobo saharauí e secretario xeral da Fronte Polisario e presidente da República Árabe Saharauí Democrática, que pasará a substituir a Mohamed Abdelaziz, fundador da fronte da que é secretario xeral desde 1976, así como presidente da república e líder do pobo saharauí.

Durante catro décadas, Abdelaziz capitaneou a loita contra a ocupación ilegal de Marrocos do Sahara Occidental e a loita do polo saharauí pola soberanía e o dereito a decidir o seu futuro en liberdade nos territorios ocupados polo reino alauita.

Coa presenza neste XV congreso, explica a deputada Montse Prado, “o BNG quere mostrar o apoio e a solidariedade coa causa do pobo saharauí, que leva 40 anos de loita pola súa soberanía, polo dereito a vivir na súa terra, ilexitimamente ocupada por Marrocos, polo seu dereito a explotar as súas riquezas, falar a súa propia lingua e desenvolver a súa cultura”, concluíu.