parlamento galego

O PP vota en contra de establecer axudas urxentes para que o sector do marisqueo afronte un ano “extremadamente duro”

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez defendeu as propostas do BNG: axudas directas as traballadoras e traballadores, un seguro público que asegure unha produción mínima e apoio ás confradías

“É irresponsable, pero sobre todo é inhumano” que o Goberno do PP abandone á xente que vive do mar e se ve afectada pola baixa produtividade das rías    

O  PP votou hoxe en contra do establecemento de axudas urxentes para que o sector do marisqueiro afronte un ano “extremadamente duro” marcado pola baixa produtividade das rías e a alta mortaldade de bivalvos, o que está a provocar “perdas económicas millonarias” que afectan a miles de persoas “con nomes e apelidos”, segundo advertiu Rosana Pérez.

A deputada nacionalista defendeu na Comisión 8ª unha proposición non de lei coas propostas do BNG para atender de inmediato unha situación que, dixo, é “extraordinaria”, polo que o Goberno galego debería “poñerse mans á abra e articular solucións e medidas extraordinarias”.

Entre as propostas do BNG a máis urxente é a de mobilizar as partidas necesarias para atender economicamente ás mariscadoras e mariscadores afectados por non poder seguir traballando e, sobre todo, “garantir que ninguén quede atrás ou polo camiño e siga medrando a lista da perda de Permex destes últimos anos”, expuxo.

Rosana Pérez defendeu así mesmo a creación dun seguro público que asegure a produción mínima e evite “situacións de desamparo”. “Pódese facer e débese facer, só hai que ter vontade política e destinar os recursos económicos e o financiamento necesario”, observou no transcurso do debate parlamentario.

Con carácter inmediato, o Bloque propuxo tamén na comisión axudas “para que ningunha confraría teña que pechar as portas” pois, a consecuencia da situación que se está a vivir nas rías, algunhas teñen xa ao seu persoal en erte e “outras moitas sobreviven coa corda ao pescozo”.

Rosana Pérez lamentou a negativa dos populares a axudar a xente do marisqueo “parada dende hai semanas, cuns días de traballo e ingresos reducidos este ano e, agora mesmo, sen nada ao que agarrarse”. Advertiu, neste sentido, que os requisitos das distintas axudas ás que se veñen acollendo en situacións como esta “son cada día máis imposíbeis de cumprir” porque esixen un número de días cotizados que “non todo o mundo ten” (120 días nos últimos dous anos no caso das prestacións do Instituto Social da Marina ou 120 días de actividade e venta en lonxa no caso do FEMPA, que até o de agora non inclúe ao marisqueo a pé).

A deputada nacionalista cualificou de “irresponsable, pero sobre todo inhumano” desentenderse da delicada situación que atravesan os traballadores e traballadoras afectadas, que quedan “nunha situación de incerteza que pode durar meses” mentres o o PP na Xunta “coma sempre” se limite a “pasarlle a pelota ao tellado de quen sexa”.

Política ineficaz, estéril e improdutiva

Criticou, neste sentido, que o Goberno galego “que ten as competencias exclusivas en marisqueo” non estea disposto a mobilizar “nin un só euro” para facerlle fronte “a esta desfeita” e garantir que as persoas afectadas podan seguir mantendo unha renda mínima. Unha desfeita que a deputada nacionalista explicou polas abundantes choivas dos últimos meses, a baixa salinidade, os episodios de toxinas... pero tamén polas consecuencias biolóxicas e económicas que se veñen amosando a longo de moitos anos “froito dunha política que está máis que demostrado que é ineficaz, estéril e improdutiva”.

Consecuencia desta política é un sector do mar cada vez máis diminuído, como demostra a baixada dun 16 % entre 2010 e 2022 do número de buques pesqueiros, a caída dun 20% dende o 2009 da cifra de afiliados e afiliadas de pesca e acuicultura á Seguridade Social ou o descenso de permisos de marisqueo nun 22%, segundo asegurou Pérez Fernández, que aludiu ademais ao incremento de vertidos contaminantes, de 249 rexistrados nas rías galegas no 2020 a máis de 270 no 2022.

O PP presentou unha emenda de substitución na que propuña solicitar do Estado a declaración de zona catastrófica. O BNG propuxo facela de engádeda e non aceptou excluír da proposta o establecemento de axudas inmediatas porque “significaría seguir agardando meses e os afectados e afectadas necesitan medidas xa”, concluíu Rosana Pérez logo de recomendar á deputada popular Teresa Egerique que “poña un pé en calquera praia deste país” e fale co sector, que xa non ten a “paciencia” que lle pediu o PP no debate.   

      
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG