parlamento galego

PP vota en contra das medidas que exixe o profesorado para mellorar a calidade do ensino

Cristina Fernández
Cristina Fernández

Cristina Fernández Davila pídelle ao conselleiro de Educación que sente de novo a negociar porque o acordo asinado en outubro é “totalmente insuficiente”

“A verdadeira vangarda está nunha atención individualizada, tendo en conta a todo o alumnado e as súas diferentes capacidades”, advirte a deputada do BNG

A deputada do BNG Cristina Fernández Davila defendeu no Pleno unha moción coas principais reivindicacións da representación maioritaria do profesorado galego para mellorar a calidade do ensino, entre as que se inclúen a recuperación das 18 e 21 horas lectivas nun máximo de dous anos, a redución dos rateos en todas as ensinanzas, a diminución da burocracia ou o reparto lineal da masa salarial xa comprometida entre todos os docentes.

“O importante é que os docentes poidan encargarse do seu traballo, da ensinanza e a atención directa a todos os nenos, nenas e adolescentes que conforman o noso presente, pero que deben formar parte do gran futuro do noso País”, asegurou a deputada, que lamentou o voto en contra do PP a unhas esixencias que, explicou, non perseguen traballar menos nin dar unha atención inferior ao alumnado senón, ao contrario, de poder facer un traballo máis efectivo e de maior calidade.

Fernández Davila instou á equipa da Consellería de Educación a “reflexionar” e pediu ao seu titular, Román Rodríguez, que “non peche as portas” a seguir avanzando na calidade da educación e acceda a sentarse de novo na mesa de negociación, tal e como lle piden as centrais sindicais CIG, STEG e CSIF, que contan cun 60 % dos votos e un 59% da representación do profesorado.

A deputada nacionalista acusou ao Goberno do PP de ter empeorado a situación laboral do profesorado galego nos últimos trece anos e lembrou, neste sentido, que os dereitos consolidados no 2007 foron anulados en 2010 e 2012 sen que fosen recuperados até o de agora, ao contrario que no resto das comunidades autónomas.

“Co negacionismo de que ‘todo está ben’ e ‘somos os mellores do Estado español’ non imos avanzar. A verdadeira vangarda está nunha atención individualizada, tendo en conta a todo o alumnado e as súas diferentes capacidades. E iso, de momento, non é unha realidade”, advertiu, instando ao conselleiro a non mirar para o alumnado e o resto da comunidade educativa como se fosen datos “ou entes illados”.

Fernández Davila fixo especial fincapé na necesidade de avanzar na calidade da atención no caso do alumnado con necesidades educativas especiais, cada vez con máis presencia nas aulas. “Todas e todos deben atopar centros que dispoñan de docentes preparadas e con tempo, dentro do seu horario de traballo, para ocuparse e preocuparse de cada un deles e delas”, apuntou ao respecto. Ese é, reiterou, o obxectivo das reivindicacións do profesorado.

Para a deputada do BNG, o acordo asinado o pasado 11 de outubro entre a Consellería de Educación e unha parte da representación sindical foi “unha ocasión perdida” para avanzar cara ao “Ensino con maiúsculas”. É por iso que insistiu en reclamar ao conselleiro que sente de novo a negociar “partindo duns mínimos moi razoables e doados de implementar, e incluso sen moito custo. As melloras dese acordo, considerou, son “totalmente insuficientes para a situación crítica na que se atopa o profesorado” que, atendendo á chamada da maioría da representación sindical, segue concentrándose e manifestándose, sen descartar unha nova folga a final de mes.

Máis prazas, menos rateos e redución de horario

Entre as cuestións concretas que reclama o BNG están a convocatoria dunha ampla oferta de emprego público de prazas docentes que teña en conta as xubilacións de 2022 e 2023, regular as materias afíns por ámbitos académicos, reducir as itinerancias ao mínimo imprescindibles, estender todos os contratos docentes até a incorporación do titular, aínda que sexan os meses de xullo e agosto, e o pago de todo o verán a aqueles substitutos ou substitutas que traballen cinco meses e medio.

 

A moción do BNG que rexeitou o PP inclúe así mesmo acurtar o horario de 25 a 21 horas para o persoal docente de Infantil e Primaria, e de 21 a 18 horas no caso de Secundaria e outros estudos post obrigatorios. En canto aos rateos, a proposta debatida pasa por reducir a 20 o alumnado por aula en Infantil e Primaria, a 25 en Secundaria e a 30 en Bacharelato. “Moito profesorado, sobre todo de secundaria e bacharelato, atende a 300 alumnos e alumnas nun curso académico”, subliñou ao respecto Fernández Davila, que reclamou tamén a eliminación da “burocracia absurda” que asume o profesorado de todas as etapas educativas.

      

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG