PP vota en contra da proposta do BNG para crear un plan integral para o Parque de Castiñeiras
Luís Bará denuncia o abandono institucional de 40 anos e reclama unha actuación integral no espazo supramunicipal entre Vilaboa e Marín
O deputado acusa ao PP de descargar nos concellos e nas comunidades de montes a responsabilidade que lle corresponde á Xunta
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Luís Bará, exixiulle ao goberno do PP a posta en marcha urxente dun “proxecto integral, planificado e con financiación suficiente” para a conservación, protección e dinamización do Parque da Natureza de Castiñeiras, situado nos concellos de Vilaboa e Marín.
Bará lamentou que a Xunta “non compareza” ante a súa responsabilidade histórica nun espazo “supramunicipal” que require coordinación entre administracións e unha inversión pública estable. Neste sentido, sinalou que as actuacións parciais e descoordinadas, como as levadas a cabo ata agora, só conducen a obras “contraproducentes”, deterioro ambiental e abandono progresivo do patrimonio natural e etnográfico.
O deputado nacionalista cargou especialmente contra o PP, que “votou en contra” dunha estratexia común e pretende seguir “eximindo” á Xunta da súa obriga, transferindo a carga económica e xestional aos concellos e ás comunidades de montes. “É un mundo ao revés”, afirmou Bará, quen recordou que “a Xunta utilizou durante décadas o medio rural para a vixilancia de incendios, pero desentendeuse de mantemento, conservación e promoción”.
Entre os elementos esenciais que debe incluír o plan director, Bará mencionou a rehabilitación das instalacións, a seguridade dos accesos, a sinalización, a educación ambiental, a posta en valor do roteiro das mámoas, a protección do arbolado centenario e a dotación de servizos básicos de atención ao visitante. O investimento necesario, segundo as súas estimacións, ascendería “como mínimo a un millón de euros”.
“Non se trata só de turismo sostible”, subliñou, “trátase de recoñecer que este é un espazo de todos, con valor ecolóxico, patrimonial e social, e que necesita, despois de 40 anos de abandono, que alguén poña orde, diálogo e recursos. E ese alguén ten que ser a Xunta”. O BNG propón, por tanto, un modelo de xestión cooperativa, pero con liderado e financiamento garantido polo Goberno galego, ante a “inacción deliberada” do PP e a “descoordinación” que só perpetúa o deterioro do Parque da Natureza de Castiñeiras.