PP vota en contra da iniciativa do BNG para a rehabilitación do CEIP Vista Alegre e deixa o centro no abandono

Daniel Castro e Mercedes Queixas
A proposta do BNG, que contaba co respaldo unánime da comunidade educativa, non saíu adiante polos votos en contra do PP, que prefire botar balóns fóra e culpar ao Concello antes de asumir as súas responsabilidades

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Castro, lamentou hoxe no Parlamento de Galiza que o PP votase en contra da proposición non de lei do BNG para exixir a rehabilitación integral do CEIP Vista Alegre de Burela, un centro con máis de 40 anos que acumula décadas de abandono e que require unha intervención urxente. Castro denunciou que a estratexia da Xunta ante as reivindicacións da comunidade educativa é clara: "silencio" ou botarlle a culpa ao Concello.

"O caso é que estamos a falar dun centro que ten máis de 40 anos e que leva anos precisando de importantes actuacións. E por esta razón a ANPA e a dirección levan anos reclamando o obvio. Anos", subliñou o deputado nacionalista, quen recordou que o Concello de Burela xa fixo o que lle correspondía, con obras recentes como o traslado do despacho de dirección, o cambio da rede exterior do patio ou a instalación de céspede artificial. Pola contra, a Xunta "fixo tamén o que lle corresponde, que é botar balóns fóra".

Castro detallou as graves deficiencias que padece o centro, recollidas nun informe de 40 páxinas elaborado pola propia comunidade educativa: humidades e filtracións recorrentes, aseos en estado insalubre, fugas de auga, deterioro estrutural de pavimentos e columnas, instalación eléctrica obsoleta con cableados expostos e enchufes deteriorados, carpintería en mal estado, peche perimetral inacabado, ausencia de portas de emerxencia e importantes barreiras de accesibilidade. "O mal estado do centro non queda aquí xa que tamén se pode observar a existencia de filtracións de auga nas aulas e corredores, con presenza de mofo e desprendementos, situacións que afectan directamente á saúde e ao benestar do alumnado e do profesorado", engadiu.

O deputado do BNG lembrou que esta non é unha iniciativa do seu partido, senón "unha iniciativa do conxunto do CEIP Vista Alegre de Burela, que unanimemente ten claro o que fai falta e de quen é a culpa". Neste sentido, preguntou á Xunta a que cre que se deben as concentracións semanais que levan case dous meses celebrando os xoves: "Teñen pouco que facer? Cádralles a mañá libre? Pásano ben?"

Finalmente, Castro exixiu á Consellería de Educación que comece por executar, cando menos, un plan integral de rehabilitación que inclúa a reparación definitiva das humidades e filtracións, a renovación da instalación eléctrica do edificio nº1, a reforma dos aseos e fontanaría, a mellora da accesibilidade e seguridade, a substitución da carpintería e ventás deterioradas, a reparación de pavimentos e elementos estruturais, a finalización do peche perimetral, a adecuación dos espazos exteriores e a cubrición da pista deportiva. "Comecen por algo, polo menos", concluíu.