PP vota en contra da iniciativa do BNG para executar o orzamento das obras de mellora da OU-533 tras anos de incumprimentos

Secundino Fernández

Secundino Fernández denuncia no Parlamento a parálise do proxecto malia os acordos unánimes e a partida nos orzamentos do 2025

O deputado nacionalista denuncia o “sen sentido” de reclamar un tren de alta velocidade e ter que acceder a el por unha estrada “do século XX”

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, cualificou este mércores de “decepcionante” a actitude do Partido Popular respecto á mellora da estrada OU-533, despois de que a Xunta de Galiza non executase a partida orzamentaria prevista para 2025 e tampouco teña intención de facelo coa de 2026.

Fernández denunciou no Parlamento a situación crítica da estrada OU-533, unha vía que conecta A Gudiña con A Rúa pasando por Viana do Bolo e que, segundo denuncia, é “un exemplo do abandono e a falta de compromiso da Xunta coa mobilidade segura no rural”. “O que pedimos é que se execute o que está aprobado nos orzamentos da Xunta. No 25 había unha partida que non se executou e agora pedimos que se execute a do 26, e tampouco pretenden facelo. Realmente decepcionante porque vemos que non se vai nin elaborar o proxecto”, criticou.

O nacionalista estableceu un paralelismo coa defensa do tren de alta velocidade na comarca. Lembrou que numerosos colectivos veciñais, incluído o movemento cidadán “Portas de Galicia”, lograron mobilizar a poboación con manifestacións “históricas” para reverter parcialmente a supresión de paradas do AVE. Con todo, sinalou o paradoxo: “Para chegar á estación do AVE da Gudiña hai que pasar pola OU-533. Estamos a reivindicar un tren do século XXI, pero para acceder a ese servizo temos que ir por unha estrada do século XX, titularidade da Xunta de Galiza”.

“Queremos viaxar en tren a 200 ou 300 km/h e resulta que para chegar alí temos que ir por unha estrada cunha velocidade media de 60 km/h. Perdemos o tempo indo pola OU-533. As veciñas e veciños de Viana, Valdeorras e do Bierzo teñen que circular por esa estrada con múltiples curvas, a pouca velocidade, para coller un tren de alta velocidade. É un sen sentido”, engadiu.

Fernández carga directamente contra o PP: “Queren culpar a outro goberno, pero esta estrada é da súa titularidade. É culpa da Xunta de Rueda, do Partido Popular”. E preguntou: “Non sei se pasaron algunha vez pola OU-533. Non sei se saben o martirio que é no tramo do alto do Covelo á Gudiña, eses 20 ou 29 quilómetros. Non sei se saben o que é padecer a diario os camións pola travesía de Viana do Bolo, que é a arteria principal, e que é o tramo que rexistra o maior número de accidentes”.

O deputado lembrou ademais que “nos últimos anos morreron sete persoas en moto, en coche ou en camión nesa estrada. E tampouco sei se coñecen que asociacións de empresarios de Valdeorras, do Bierzo e numerosos colectivos levan anos demandando o seu arranxo”.

Para rematar, Fernández exixiu á Xunta: “Deixen de botar fume, deixen de facer propaganda, deixen de tratar as veciñas e veciños de Viana e Valdeorras como se fosen de segunda. Actúen e arranxen esta estrada, que é moi necesaria”.