PP veta no Senado a proposta do BNG para reclamar ao Goberno a iniciar a anulación da prórroga ilegal da AP-9
“PP e PSOE levan 20 anos pedindo e negando a transferencia da AP-9” recrimina a senadora do BNG durante o debate da iniciativa
O BNG reafirma que é a única forza política que defende sen ambigüidades unha AP-9 galega e libre de peaxes, e exixe respecto para a sociedade galega
Carme da Silva denuncia o cinismo político do Partido Popular, actor protagonista e co-responsábel da estafa que supón as peaxes da AP-9 aínda a día de hoxe
A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia o veto do Partido Popular (PP) no Senado ás emendas presentadas pola formación nacionalista no debate sobre a transferencia da titularidade da AP-9 á Galiza. O BNG lamenta a posición partidista do PP, que rexeitou a proposta nacionalista para “poñer negro sobre branco” na situación da Autoestrada do Atlántico e afrontar a raíz do problema: a prórroga ilegal da concesión que mantén esta infraestrutura en mans privadas até 2048.
A senadora do BNG, Carme da Silva, foi contundente na súa intervención ao lembrar que “o 18 de agosto de 2023 tiña que rematar a concesión da AP-9. A única razón pola que non foi así é a prórroga ilegal da concesión que decidiu o goberno do PP presidido por Aznar”. Da Silva cualificou a ampliación da concesión até 2048 e a posterior privatización como “un exemplo de manual de corrupción e estafa co BOE”.
A formación nacionalista lembra que a prórroga foi acordada no ano 2000 polo Goberno de José María Aznar, ampliando a concesión 25 anos máis, e que posteriormente foi modificada a lexislación para intentar blindar esa decisión. “O señor Aznar, o PP, nunca se equivoca de amigos: estafan á sociedade galega e benefician a grandes empresas privadas” denuncia a senadora do BNG.
Carme da Silva subliña ademais que a Comisión Europea deixou claro que a prórroga da concesión incumpriu as normas europeas de transparencia e concorrencia competitiva, polo que é ilegal. “Esa, e non outra, señorías do PP, é a razón pola que a AP-9 segue a ser unha autoestrada de peaxe. A estafa e ilegalidade consumada polo PP” afirma.
A única forza que defende unha AP-9 galega e libre de peaxes
O BNG presentou unha emenda de adición para instar o Goberno do Estado a iniciar os trámites para a anulación da prórroga de 25 anos, asumir a xestión directa da autoestrada e suprimir as peaxes. Unha proposta clara e directa para rematar coa discriminación que sofre a Galiza e que fóra aprobada tanto no Congreso como no Parlamento Galego.
“O Goberno do Estado ten que iniciar de inmediato a tramitación da anulación da prórroga da AP-9, asumir a xestión directa da autoestrada e suprimir as peaxes” defende a senadora nacionalista, quen insiste en que a anulación é a opción menos gravosa e a máis xusta tras a confirmación da ilegalidade pola Comisión Europea.
Para o BNG, o rexeitamento do PP evidencia que a súa iniciativa non pretendía resolver o problema de fondo, senón facer oposición partidista. A senadora nacionalista lembra que o PP xa vetou a transferencia durante o goberno de Mariano Rajoy e mesmo pactou coa concesionaria novas subas das peaxes.
A organización nacionalista denuncia tamén a hipocrisía das forzas estatais, lembrando que o Parlamento galego aprobou por unanimidade en varias ocasións iniciativas para transferir a AP-9, incluída unha proposta do BNG aprobada tamén por unanimidade no Senado en 2011. “O titular hoxe podería ser: PP e PSOE levan 20 anos pedindo e negando a transferencia da AP-9” afirma da Silva.
O BNG reafirma que é a única forza política que defende sen ambigüidades unha AP-9 galega e libre de peaxes, e exixe respecto para a sociedade galega. “Xa basta de tratar á sociedade galega sen respecto e con un intento continuo de infantilización. Escusas vimos de todo tipo ao longo dos últimos 20 anos. O único certo é que PP e PSOE son responsábeis de que sigamos a pagar esta estafa” conclúe.
A formación nacionalista insta o Goberno presidido por Pedro Sánchez a non ser cómplice desta discriminación e a aproveitar a confirmación da ilegalidade para facer xustiza con Galiza e rematar cun agravio histórico.