PP veta no Senado a ambiciosa proposta do BNG para rexenerar e recuperar o Río Miño
Da Silva di que o PP defende os intereses do lobby eléctrico no canto de defender os galegos e galegas: “actúan en beneficios das eléctricas, non da Galiza”
A senadora do BNG defende a rexeneración do Miño, frear as macrocentrais, eliminar as especies invasoras e crear un organismo civil para a xestión ambiental do río
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia o “non” do Partido Popular a defender os intereses dos galegos e galegas nunha iniciativa fundamental para a rexeneración e recuperación do tramo internacional do río Miño. A proposta nacionalista, defendida pola senadora do BNG Carme da Silva, apostaba por unha estratexia conxunta para facer frente ao grave deterioro ambiental que sofre o río, promovese a actividade pesqueira, impulsase o turismo sustentábel e activase o desenvolvemento económico da contorna mediante o financiamento europeo transfronteirizo.
O BNG tamén propoñía a colaboración entre o Goberno do Estado e a Xunta para a posta en marcha dun plan realista e eficaz de control e eliminación de especies exóticas e invasoras na conca e nas marxes do río, unha medida fundamental para garantir a biodiversidade e o equilibrio ecolóxico do Miño.
Ademais, a iniciativa nacionalista incluía a denegación e paralización dos proxectos de macrocentrales hidráulicas de bombeo, como o previsto en Filgueira (Crecente), polo seu impacto irreversíbel sobre o ecosistema fluvial, os caudais ecolóxicos e a propia dinámica do río.
Finalmente, o Bloque reclamaba a creación dun organismo civil de xestión conxunta entre Galiza e Portugal, con competencias claras para protexer o medio natural, controlar os vertidos, regular a actividade pesqueira e aplicar medidas de recuperación ambiental no tramo internacional do Miño. “A actual institución, totalmente anacrónica que data de 1804 –creada polo Tratado de Límites-, é de carácter militar e non atende as necesidades nin se rexe baixo criterios democráticos” explica a senadora nacionalista.
A postura do PP: na defensa dos intereses do lobby eléctrico e non dos galegos e galegas
Frente a estas medidas ambiciosas e transformadoras, o Partido Popular preferiu unha proposta sen medidas concretas nin compromisos reais, centrada en análises, estudos e demandas que “eluden calquera actuación directa e que ignoran a gravidade da situación ambiental do río. A proposta popular evita falar da paralización das macrocentrales, non garante investimentos nin estrutura de xestión eficaz, e mantén unha visión burocrática que non está á altura dos desafíos ecolóxicos actuais”.
A senadora do BNG, Carme da Silva, criticou con dureza a postura do PP, asegurando que “a dereita volve poñer os intereses das eléctricas e das grandes concesionarias por riba da defensa do noso patrimonio natural, do futuro das actividades económicas sostíbeis e dos dereitos das persoas que viven e traballan na contorna do río Miño.” Da Silva advirte que “o que se precisa son accións concretas, vontade política e responsabilidade ambiental, non estudos eternos nin escusas para seguir facendo negocio a custa da saúde dos nosos ríos.”
“Reiteramos o compromiso firme do BNG coa defensa do río Miño e do seu valor ecolóxico, cultural e económico” sentenza a senadora do BNG, Carme da Silva, que anuncia que o BNG seguirá a traballar, tanto nas institucións como na rúa, “para poñer freo á destrución do territorio e avanzar cara a un modelo de desenvolvemento sustentábel, cooperativo e respectuoso co medio”.