PP veta a proposta do BNG para que Xunta, Goberno, concellos e sindicatos acorden axilizar as infraestruturas pendentes na Mariña

Daniel Castro
Daniel Castro
Daniel Castro recrimínalle que “nin sequera estea disposto a sentarse a falar”

O BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei co obxectivo de impulsar as infraestruturas comprometidas e aínda pendentes na Mariña. Así, o deputado nacionalista Daniel Castro propuxo, por unha banda, que o presidente da Xunta celebre unha reunión cos gobernos municipais da comarca e cos sindicatos que conforman a plataforma Futuro para A Mariña para abordar e axilizar as infraestruturas que corresponden ao Executivo galego, como a VAP San Cibrao-Ferrol e a liberalización do dique norte de Morás para a construción do porto comercial, tendo en conta que o estudo no que se analizou a súa viabilidade foi elaborado por Portos de Galiza.

Por outra, instou ao Goberno do PP a solicitar ao Delegado do Goberno en Galiza unha reunión tamén cos gobernos municipais e a citada plataforma para axilizar de igual xeito as infraestruturas pendentes correspondentes ao Estado, tal é o caso da Autovía A-74, a creación dunha Autoridade Portuaria propia para San Cibrao e tamén a liberalización do dique norte de Morás, no que ao Executivo estatal atinxe.  

Castro recriminou ao PP o seu veto a unha iniciativa que cualificou de mínimos: “se non están dispostos nin a falar, mesmo incluíndo nesta proposta ao Estado que ten moito que dicir e sobre todo que facer neste tema; se non están dispostos a que o señor Rueda se sente a falar cos gobernos de todos os concellos e cos sindicatos, que esperanza podemos ter sobre o que pode facer a Xunta do PP na comarca da Mariña? Cal vai ser o futuro desta comarca?”, cuestionou con severidade.

Para o deputado nacionalista, o novo presidente do Executivo galego tiña unha “magnífica oportunidade de comezar o seu mandato afrontando os graves problemas que ten a comarca, en gran medida por culpa do seu goberno” e, neste sentido, recordou que dende a chegada do PP á Xunta, A Mariña sufriu unha década de perda constante de emprego e de industria que supuxo a destrución de, cando menos, 1.000 postos de traballo. Sen embargo, segundo recordou, no seu discurso de investidura nin tan sequera nomeou A Mariña, “nin falou dos seus problemas, nin moito menos das posibles solucións”.

Así pois, Castro subliñou que con esta iniciativa o Bloque lémbralle ao presidente que “a crise industrial da Mariña segue aí, que a crise demográfica segue aí, que as infraestruturas seguen sen chegar e que que menos que, xa que non sae del, acepte a proposta do BNG de reunirse cos alcaldes e alcaldesas de todas as cores políticas e tamén cos tres sindicatos que, ao mellor, teñen algo que dicir”.

Segundo recalcou, “son moitos anos de promesas e 0 resultados por parte da Xunta e por parte do Estado” e, nesta liña, reprochou que despois de distintos executivos de PSOE e PP “seguimos sen A-74” e que despois de 13 anos de goberno do PP na Xunta “seguimos con só 8 Km. da VAP Costa Norte San Cribrao-Ferrol”. A isto engadiu que despois destes gobernos tamén continúa sen liberalizar o Dique Norte, “a pesar de que se aprobasen iniciativas do BNG neste sentido”, e, de igual xeito, “seguimos sen ter Autoridade Portuaria propia, sendo unha excepción en todo o Estado”.

Ao seu xuízo, o máis grave de todo é que, “despois do deserto industrial no que quedou convertida A Mariña, seguimos sen un Plan Industrial única e exclusivamente porque o PP non quere” e reprobou a esta forza política que sexa quen de “acudir á Folga Xeral pola mañá e votar contra o Plan Industrial pola tarde”. “Á comarca non lle valen boas palabras, queren feitos porque levan máis de 20 anos agardando por eles e o que estamos a pedir é algo tan básico como que o presidente deste País se sente a falar cos alcaldes e alcaldesas e cos sindicatos dunha comarca que non pode máis”, concluíu na defensa da iniciativa que, pese aos argumentos do deputado mariñán do Bloque foi vetada polo PP.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG