O PP veta a proposta do BNG para declarar a Illa San Simón, “Lugar da Memoria Democrática”

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará denunciou actividades  “lucrativas” de  empresas privadas que representan un insulto e ofensa para as vítimas e as súas familias e pretenden ocultar  a relevancia histórica e simbolismo do lugar

O deputado do BNG lamentou que o Partido popular vetara a proposta para declarar a Illa de San Simón “Lugar da Memoria Democrática” e denunciou que a Xunta permite organizar actividades “lucrativas” de empresas privadas que representan “un insulto e ofensa” para as vítimas e as súas familias  e buscan ocultar a relevancia histórica e simbolismo do lugar.

O parlamentario explicou que A Illa de San Simón e San Antón,  de dominio público   e  titularidade do Estado foron cedidas no ano 1997 á Xunta por un período de 30 anos  que remata  en outubro de 2027. Esta concesión, engadiu,  conleva restricións e obrigas e cun uso  de carácter docente e cultural,  público e gratuíto, prohibindo o seu uso hoteleiro.

O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC), no ano 99,coa categoría de sitio histórico. Por outra parte, as illas forman parte do Plan Natura 2000 con protección ambiental. A todas estas condicións, dixo, o deputado, hai que sumar  a grande relevancia histórica do lugar constatado dende a Idade Media e no ámbito da memoria histórica galega sendo  “escenario da  represión, confinamento e campo de concentración  durante os anos 1936-1940”.

Neste sentido, o parlamentario, tras amosar diversas fotografías de vítimas da represión asegurou que nos primeiros meses do ano  36, ducias de persoas foron asasinadas e soterradas nos cemiterios  da contorna. En 1939 tamén foi lugar de reclusión para un grupo chamados “Os vellos” procedentes doutros territorios do Estado que padeceron grandes penalidades  e fame. Unha das fotografías amosa precisamente a estes vellos “espiollándose e buscando alimento na beira do mar”, explicou Bará amosando unha das fotografías.

O Bipartito converteu a illa en símbolo da Memoria histórica

O deputado lembrou que durante o goberno bipartito, 2005-2009, a illa foi convertida nun símbolo á Memoria histórica a través de múltiples actividades e a exposición “A Illa da Memoria” pero coa chegada do Partido popular á Xunta , “todo isto foi borrado do mapa” e mesmo modificou o nome pola Illa do pensamento, “unha denominación fantasma” que despois do 2009 converteuse na Illa do esquecemento, enfatizou o nacionalista. O Goberno galego, afirmou Bará “non organiza nada” e as únicas actividades que continúan vivas son produto do traballo das Asociacións da Memoria histórica.

A falta de actividades organizadas pola administración posibilitou que a Xunta puxera en mans  de empresas privadas navieiras outras actividades “lucrativas” e ofensivas ao simbolismo e significado do lugar e da súa memoria. Como exemplo, dixo, tres empresas organizaron campamentos “piratas” cun custe de aloxamento por 200 euros ,  ou retiros de Yoga, a 160 euros. Bará denunciou o “uso mercantil da Illa” e afirmou que son ilegais como o intento de organizar un “Samain de miedo” para vivir unha “aterradora aventura e superar terroríficas pruebas”.

Para o deputado, o  uso que fai a  Xunta representa unha “grave falta de respecto e a pouca sensibilidade” do goberno da Xunta do Partido popular á memoria das vítimas. O deputado demandou declarar a Illa como “Lugar de Memoria Democrática” acolléndose ao previsto no artigo 50 da Lei de Memoria Democrática.

Tras a intervención da portavoz popular, María Felisa Rodríguez Carrera que  xustificou as  actividades privadas  organizadas na  Illa de San Simón,  Luís Bará lamentou o papel da portavoz popular “insultando, ofendendo e desprezando ás vítimas e a súas familias”. Vostedes, non  teñen límites á hora de “agredir e insultar ás familias”.

O nacionalista lembrou que a  Iniciativa  Galega pola Memoria xa propuxo a demanda que hoxe dende o BNG defendemos no Parlamento galego e a Lei da Memoria Democrática do ano 22  tamén prevé a creación de lugares para memoria democrática e  lamentou que o PP, unha vez máis, vetara unha iniciativa para o recoñecemento das vítimas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG