O PP veta as medidas para reducir o risco de pobreza das mulleres e familias monoparentais que propón o BNG

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Contra o aumento da  pobreza e exclusión social das mulleres, o BNG propón introducir a perspectiva de xénero nas axudas, restituír a Tarxeta Básica e un abono familiar contra a pobreza infantil

Olalla Rodil denuncia a persistencia da fenda salarial entre homes e mulleres, peores condicións laborais e de pensións e o empobrecemento dos fogares monoparentais

Lamenta, que unha vez máis, o PP se posicione en contra de implantar medidas contra a pobreza e exclusión social  

A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu unha proposición non de lei para poñer en marcha  medidas contra o risco de pobreza e exclusión social das mulleres ante o datos publicados polo último informe do Estado da pobreza en Galiza, no ano 2021 elaborado pola EAPN  que evidencian “un maior empobrecemento das mulleres e dos fogares monoparentais en Galiza”.

A parlamentaria explicou que  o risco de pobreza e exclusión para o conxunto da poboación é do 25%,  “680.000 persoas”. No caso dos fogares con menores de 18 ano, esta cifra  sube ao 34% e nos fogares monoparentais, “a inmensa parte deles encabezados por mulleres”, a cifra é maior,  o 54%.

Por outra parte, os datos da Rede galega contra a pobreza advirten que “o risco de pobreza descende entre os homes mentres aumenta entre as mulleres afectando  a  8.000 mil máis que no 2020”.

Para a nacionalista, esta realidade  non é casual, é produto dunha  situación de discriminación e dun feito material, medible e cuantificable. “As mulleres soportamos máis paro, máis temporalidade e máis parcialidade que os homes” con contratos a tempo parcial cun 77% asinados en Galiza por mulleres. As mulleres contratadas a tempo parcial non poden acceder a outro tipo de contratos por estar suxeitas ao coidado de crianzas ou persoas dependentes. Nesta situación atopase “o 14,6% fronte ao 0,3% dos homes”.

A pesar de que os indicadores melloraron algo nos últimos dez anos, explicou Rodil,  a fenda entre xéneros incide de maneira primordial nas  taxas de pobreza e exclusión social que afectan maioritariamente ás mulleres.

“Peores condicións laborais traen peores condicións salariais e sociais e peores condicións de traballo supoñen menos salario e peores pensións”, recalcou a deputada.

A fenda salarial en Galiza supón unha diferencia de case máis de 4 mil euros. “As mulleres cobran 4 mil euros menos que os homes e tamén perciben pensións dun 25,7% máis baixas”.

Dende o BNG dixo, propoñemos  introducir a perspectiva de xénero tanto no deseño das axudas como na análise dos datos, restituír a Tarxeta Básica para garantir a compra de alimentos e produtos de primeira necesidade suprimida pola Xunta de Galiza en plena crise económica, reformar a lei de Inclusión social para regular as axudas que sirvan de ponte con outras prestacións, “un abono familiar” para as nenas e nenos galegos, e de maneira especial dirixido ás familias monoparentais. Neste punto, criticou ao Partido popular por non cumprir coas súas promesas sobre o Decreto de familias monoparentais e o Plan de loita contra a pobreza nestas familias, “despois de 10 anos e moitos anuncios en boca de diferentes conselleiros e conselleiras de política social,  agora utilizan  como escusa a tramitación da Lei de familias estatal para seguir incumprindo coas súas obrigas”, afirmou.

 Publiquen o Rexistro das familias monoparentais e abran un proceso de diálogo coas entidades sociais para elaborar un plan de medidas contra a pobreza nas familias monoparentais e  axudas para combater a pobreza infantil en moitos fogares.

 

O portavoz  popular, Noelia Pérez López amosou o seu desacordo  coas  medidas propostas polo BNG para reducir o empobrecemento das mulleres e das familias monoparentais.

 

Rodil recalcou que á diferencia da redución nas  taxas de pobreza masculina no caso das mulleres, por moito que tente negalo o Partido popular “aumentan”, e pediu un cambio nas políticas laborais e sociais da Xunta para mudar esta realidade. A deputada lamentou que a parlamentaria do PP anunciara o voto en contra ás propostas do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG