PP rexeita a proposta do BNG para modernizar a planta de reciclaxe de Lousame e salvar máis de 125 empregos
Rosana Pérez denuncia que o goberno do PP continúa de costas a un modelo de reciclaxe sostíbel, mentres a planta de reciclaxe se afunde pola falta de apoio institucional
O Partido Popular votou en contra da proposición non de lei presentada pola deputada do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, para instar á Xunta a implicarse activamente na modernización e reconversión da planta de reciclaxe de Servia, no concello de Lousame. A iniciativa tamén recollía a proposta do comité de empresa para crear unha Mesa de traballo con todas as partes implicadas co obxectivo de garantir o futuro da planta e dos seus máis de 125 postos de traballo.
A deputada nacionalista criticou con dureza a posición do PP e da Xunta, “que optan por manter a Galiza na cola da reciclaxe estatal, apostando por un modelo obsoleto e antiecolóxico como o de SOGAMA, baseado na incineración, mentres deixan morrer alternativas como a planta de Lousame, que durante anos foi referente na recuperación de residuos”.
Segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, no ano 2018 a planta de Lousame acadaba unha recuperación do 36%, fronte ao 3,16% de SOGAMA. “A pesar destes resultados, a Xunta non só nunca apoiou esta planta, senón que a castigou con décadas de abandono e sen achegas económicas, mesmo nos momentos máis críticos”, denunciou Pérez.
A situación da planta, que presta servizo a máis de 86.000 persoas de nove concellos, é “insostíbel” segundo o BNG, debido á colmatación do vertedoiro, á falta de mantemento e á débeda acumulada pola Mancomunidade Serra do Barbanza. A proposta nacionalista buscaba implicar institucionalmente á Xunta para garantir a continuidade do servizo e dos empregos, apostando por diversificar o tratamento de residuos e aproveitar o potencial xa existente.
“A planta de Lousame pode e debe seguir sendo un modelo de reciclaxe de proximidade, sostíbel e xerador de emprego. Pero para iso cómpre vontade política e compromiso coa veciñanza. Hoxe, o PP demostrou que non ten nin unha cousa nin a outra”, concluíu Rosana Pérez.