PP rexeita a proposta do BNG de asumir a residencia de maiores de Cariño, un concello cun 36% de persoas maiores
Mon Fernández denuncia o abandono do goberno do PP dun concello onde o 36% da poboación supera os 65 anos e non hai unha soa praza pública para maiores
A Proposición non de Lei presentada polo BNG foi rexeitada polos votos en contra do PP
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, levou ao Parlamento a "reivindicación unánime" do concello de Cariño para dotarse dunha residencia pública e centro de día para persoas maiores, recursos "esenciais e levados anos paralizados por abandono da Xunta de Galiza".
Durante o debate dunha Proposición non de Lei, que finalmente non foi adiante polos votos en contra do Partido Popular, Fernández expuxo a "situación demográfica acuciante" do municipio. Cariño pechou 2024 cun 36% dos seus 3.692 veciños maiores de 65 anos, dez puntos por enriba da media galega, e sen ningunha praza pública en residencia ou centro de día. A oferta nos concellos veciños é "practicamente inexistente ou inaccesíbel", con listas de espera e 0 prazas dispoñíbeis na maioría dos centros.
Fernández destacou a "mobilización masiva" da veciñanza, con manifestacións de máis de 1.000 persoas – nun concello de 3.700 – e recollidas de sinaturas. "Non é un capricho, é unha demanda de dignidade para envellecer no propio territorio, sen que as familias – e especialmente as mulleres – teñan que deixar os seus traballos ou mudarse", afirmou.
O portavoz nacionalista criticou duramente a resposta do goberno do PP a iniciativas anteriores do BNG, que "confirma as peores sospeitas". Segundo Fernández, a Consellería limitouse a dicir que "non existe previsión orzamentaria para 2026" e que "estase estudando a viabilidade técnica do inmoble". Unha actitude que contrasta coa petición veciñal: "Cariño non precisa unha asistencia técnica, que podería contratar en calquera lado; precisa que a Xunta, como administración competente en Política Social, asuma a súa responsabilidade".
A Proposición non de Lei presentada polo BNG instaba á Xunta a dous compromisos concretos: asumir a finalización e adaptación das obras do edificio promovido polo Concello e xestionar os servizos de residencia e centro de día en réxime de prazas públicas subvencionadas a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Fernández salientou que, unha vez en funcionamento, estes centros son cofinanciados polo Concello, polo que a implicación da Xunta non supón un custe integral, senón "asumir a parte que lle corresponde, evitando un esforzo desproporcionado e insostíbel para as arcas municipais".
"A proba do algodón dun modelo de coidados é se o quereríamos para nós mesmos. En Cariño saben o que necesitan e mobilizáronse para conseguilo. A Xunta ten a obriga de escotalos e actuar", rematou Mon Fernández, culpando directamente ao goberno de Alfonso Rueda, de deixar sen resposta unha necesidade social "urxente e indiscutíbel".