Congreso

PP e PSOE bloquean no Congreso a proposta do BNG para reclamar a transferencia das vivendas da SAREB á Galiza

Néstor Rego

A iniciativa nacionalista incluía  medidas para atallar a crise habitacional e para limitar o prezo dos alugueres e impedir a súa suba descontrolada

O deputado do BNG acusa os dous partidos estatais de actuar como freo ás solucións eficaces e de primar os beneficios privados sobre o interese xeral

Néstor Rego lamenta que PSOE (coa abstención) e PP  (co voto en contra) impidan a mobilización de máis de 4.000 inmóbeis no noso País, propiedade da SAREB e da SEPES, e integralos no parque público de vivenda

O pleno do Congreso, cos votos en contra de PP e Vox e a abstención do PSOE, rexeitou as medidas propostas polo Bloque Nacionalista Galego en materia de vivenda co obxectivo de aliviar a emerxencia habitacional que sofre o conxunto do Estado e máis especialmente a Galiza. O deputado do BNG, Néstor Rego, lamenta que as formacións estatais con representación na cámara galega non apoiase a transferencia á Galiza dos inmóbeis da SAREB e da SEPES para incorporalos ao parque público de vivenda. A iniciativa tamén recollía a necesidade de estabelecer limite ao prezo dos alugueres e mecanismos de financiamento suficiente para desenvolver políticas de vivenda pública.

Dos puntos resolutivos estabelecidos na iniciativa do BNG, Néstor Rego defendeu a necesidade de que o Goberno do Estado informase “con total transparencia” sobre os activos inmobiliarios en mans da SAREB, sobre cales foron transferidos á SEPES e a situación de cada un deles aos concellos e Comunidades Autónomas en que se sitúan.

Así mesmo, os nacionalistas galegos buscaban o apoio do pleno para instar o Goberno a traspasar a título gratuíto á Xunta da Galiza, así como calquera outra Comunidade Autónoma que o solicitase e mesmo os concellos interesados, os activos inmobiliarios en mans da SAREB. Tamén os inmóbeis transferidos para que os órganos respectivos competentes en materia de vivenda asuman a xestión, administración e planificación dos activos co obxectivo de incrementar a bolsa de vivenda pública accesíbel.

Este punto, recorda o deputado nacionalista, procuraba a transferencia de todos os activos da SAREB á Galiza. Un obxectivo que foi apoiado pola unanimidade da cámara galega en debates anteriores mais que, no Congreso, non contou co voto favorábel de PP e PSOE: “votan unha cousa na Galiza e a contraria en Madrid”.

“Estabelecer medidas áxiles e efectivas que permitan limitar o prezo dos alugueres e impedir a súa suba descontrolada, asegurando así o acceso á vivenda das persoas con menos recursos” rezaba a iniciativa nacionalista rexeitada por populares e socialistas.

Por último, a Proposición Non de Lei defendida polo deputado do BNG recollía a necesidade de fixar mecanismos de financiamento suficiente ás Comunidades Autónomas, administracións competentes en materia de vivenda, para desenvolver políticas de vivenda pública, especialmente en réxime de aluguer social e accesíbel, que permitan a efectivización do dereito a unha vivenda digna.

Folga de brazos caídos que impiden dar solucións reais á emerxencia habitacional na Galiza: o BNG acusa a PP e PSOE de hipocrisía
Após o resultado da votación, o deputado do BNG considera un auténtico escándalo que PP e PSOE bloqueasen unhas medidas que eles mesmos apoiaran no Parlamento Galego. Para Rego, este cambio de posición evidencia -máis unha vez- o cinismo das forzas estatais, que se presentan na Galiza como defensoras do dereito á vivenda pero en Madrid actúan para protexer os intereses especulativos da SAREB e dos grandes fondos inmobiliarios.

“É unha mostra máis -sinala Rego- de que nin populares nin socialistas teñen vontade real de afrontar a emerxencia habitacional nin de garantir o acceso digno á vivenda para millares de familias galegas”.

O deputado nacionalista subliña que a negativa de PP e PSOE impide mobilizar máis de 4.000 inmóbeis que poderían formar parte dun parque público de vivenda accesíbel e limitar a suba descontrolada dos alugueres. Esta decisión, denuncia, prolonga a crise da habitación e condena a mocidade galega a ter que marchar ou asumir alugueres abusivos.