O PP oculta ao BNG o expediente de sanción contra a residencia "Mi Casa" aberto por "mala praxe reincidente"

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil reprobou o “veto” do Partido popular a entregar todos os expedientes solicitados polo BNG, dende o ano 2017, nas residencias públicas privatizadas por reiterados incumprimentos
O PP oculta ao BNG o expediente de sanción contra a residencia "Mi Casa" aberto por "mala praxe reincidente"

A deputada do BNG, Olalla Rodil, lamentou que unha vez máis, o “Partido popular vete a solicitude para entregar á Cámara galega o expediente sancionador” á Residencia “Mi Casa” no concello de Borbén, obxecto de diversas denuncias formuladas a través de TREGA (Traballadoras de Residencias galegas).

Tras a intervención do portavoz popular, Pazos Couñago confirmando que non serán entregados os expedientes solicitados, a nacionalista afirmou que o acontecido na residencia de Pazos de Borbén, “é de xulgado de guarda” e afirmou que si o BNG tivera responsabilidades de goberno resultaríalle moi estraño que o Partido popular non preguntara por estas denuncias e polas imaxes publicadas en diversos medios de comunicación que constatan as deficientes condicións sanitarias e de alimentación das persoas usuarias do centro. Unha situación, dixo confirmada polos propios servizos de inspección na residencia “Mi casa”.

O que non podemos tolerar,  aseverou a nacionalista, é que incumpran as ratios de ocupación pero é que a maiores, “pecharon baixo chave a cinco persoas nun galpón” requirindo os servizos da Garda Civil para abrir a porta. Pensariamos o mesmo se en vez de seren persoas maiores “foran nenos e nenas”, preguntou. Si eu tivera unha responsabilidade de goberno, me resultaría  inconcibible que o Partido popular non se interesara polo acontecido como estamos facendo dende o BNG.

A parlamentaria reprochou a Pazos Couñago a escusa de que son “expedientes abertos” e lembrou que na pregunta formulada polo BNG queda clara a petición “dunha copia” dos expedientes dos últimos cinco anos e entre eles, “o do ano 2017, pechado e cunha sanción económica”. Solicitamos en varias ocasións os expedientes, as actas de inspección de centros especiais para persoas con discapacidade e a resposta é sempre a mesma, “que non, que non e que non” e hoxe volvemos a escoitar o mesmo, “non”.

Se non contamos  coa información necesaria, explicou Rodil, resulta imposible valorar o cumprimento dos dereitos fundamentais da normativa en vigor e como podemos saber naqueles ámbitos onde urxe iniciar reformas porque  descoñecemos “as eivas, as carencias e irregularidades”. O BNG foi o único grupo parlamentario que despois de moitas reclamacións accedeu aos expedientes  contra  Domus Vi pola súa actuación durante a pandemia e concluímos que á larga, “sae más barato incumprir a normativa” polo incumprimento de 24 horas dunha enfermeira nunha residencia pública privatizada, 1.800 euros de sanción, “sae máis barata a sanción si me pillan que cumprir co normativa”, criticou.

A deputada apelou a “endurecer as sancións” como recollía a Proposición de lei defendida no último pleno e que o PP impediu que prosperara.

Para Rodil resulta “escandaloso” que a consellería de Política Social, coñecedora dos feitos en Pazos de Borbén, tamén se negue a ofrecer a información solicitada e que a residencia “Mi Casa” continúe incumprindo a medida imposta polos servizos de inspección de remitir un informe diario sobre o coidado e tratamento das persoas afectadas por ulceras e que debe ser asinado polo persoal sanitario  que procede  as curas. Este requirimento, afirmou, obedece á decisión dos servizos de inspección ante a evidencia da ausencia de persoal de enfermería e que as curas sexan atendidas por “persoal sen formación suficiente”, nin a categoría profesional esixida.

O PP votou en contra da Proposición non de lei do BNG na que reclamaba remitir á Cámara galega as copias das actas de inspección e dos expedientes incoados á residencia de maiores, “Mi Casa”, no concello pontevedrés  de Pazos de Borbén.

O PP oculta ao BNG o expediente de sanción contra a residencia "Mi Casa" aberto por "mala praxe reincidente"