parlamento galego

O PP impide a reprobación do director da CRTVG

María Albert
María Albert
María Albert: "O PP de mantén de maneira ilegal a Sánchez Izquierdo por intereses políticos"

A deputada do BNG, María Albert, a través dunha moción, pediu a reprobación do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo por ocupar o cargo de maneira fraudulenta e vulnerar os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras dos medios públicos.

Albert denunciou que o Partido popular “incumpre a lei” e mantén no cargo a Sánchez Izquierdo co fin de  seguir as directrices e intereses do goberno galego. Vostedes, dixo, dirixíndose á bancada popular, “non respectan nada”, incumpren a lei en cada un e en todos os artigos, “no contrato programa, no estatuto profesional, no Consello de informativos, e na remuda da propia dirección xeral”. Pero ademais, engadiu, tamén do artigo 1 relativo ao principio de creación da Compañía de Radio Televisión de Galiza sobre a súa “función de servizo público”.

Na actual lei, explicou a nacionalista,  este principio recollese no artigo 4 e tampouco o cumpren, ao igual que os artigos  6 sobre o uso da lingua galega, o 36 de procesos electorais e o  38 referido ao pluralismo.

O Partido popular, recalcou, converteu os servizos informativos “nun meme”, pero a gravidade é maior cando a portavoz do PP, utiliza a súa intervención nesta moción para “falar en contra dos traballadores e traballadoras e do seu dereito a seren elixidos en listas electorais democráticas”.

A parlamentaria nacionalista negou que exista “unha ofensiva contra os medios públicos” como sostén o Partido popular. O que realmente existe, dixo, é a ofensiva iniciada polo PP hai 13 anos.

Persoal da CRTVG pide o cumprimento da  lei e o cese de represalias  

Coincidindo co debate parlamentario, un nutrido grupo de traballadores manifestábanse nas inmediacións do Parlamento galego reivindicando os seus dereitos laborais, civís e profesionais.

A nacionalista insistiu en que  a situación límite do persoal da CRTVG non só é denunciada polo BNG e os sindicatos. O  TSXG emitiu diversas sentenzas de feitos cualificados de “represalias” e sancións pola participación dos traballadores en mobilizacións convocadas pola plataforma “Venres negros”. Son denuncias reais e dende o BNG volvemos a pedir “que cumpran a lei”.

Existen sentencias condenatorias contra a CRTVG, denuncias dos sindicatos e do Colexio Profesional de Xornalistas, entidades que se manifestaron contra a “crítica situación” do ente público e o goberno da Xunta persiste en negar a realidade. Dende o BNG trouxemos en diversas ocasións o incumprimento da lei para seguir mantendo no cargo ao director xeral, pola  indefensión do persoal  da Corporación da Radio  Televisión de Galiza, polos criterios de eficiencia empresarial e informativa para xustificar traslados de traballadores e traballadoras, e en todas elas,  o Partido popular negouse a asumir as rendas “dunha problemática que afecta á calidade democrática do noso país”.

A compañía de Radio Televisión de Galiza foi creada en 1984 para a difusión, impulso e promoción da lingua galega, a atención á audiencia ofrecendo calidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciar os diferentes xéneros de programación, eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, favorecer a difusión cultural, intelectual e artística dos coñecementos cívicos, económicos, sociais e técnicos mediante a difusión da lingua galega. Todo isto, estaba recollido no artigo número 1 da Lei de creación da CRTVG pero hoxe, “corenta anos despois temos que preguntar si realmente se está a cumprir este artigo”.

Os orzamentos da Xunta, explicou a deputada do BNG,  destinaron no ano 2023, 124M€ para levar adiante esta “función de servizo público” pero en realidade o Partido popular continua “desmantelando” de maneira planificada os medios públicos. “Desmantelaron as desconexións territoriais, a calidade e pluralidade informativa e a información cultural”, e sen ir máis lonxe, mesmo volveron a vetar, “por quinto ano consecutivo”, a retransmisión dos Premios de Teatro María Casares, e a resposta do director xeral foi a falta de audiencia. María Albert denunciou que este argumento é utilizado para non cumprir a lei pero a lei deixa claro que a CRTVG debe atender ás expresións artísticas.

A deputada tamén denunciou a falta de perspectiva de xénero e a persecución aos traballadoras e traballadores por defender unha “información de calidade” e volveu a mostrar o apoio do BNG ás reivindicacións laborais e contra “as represalias” da dirección da CRTVG.

A nacionalista rematou a súa intervención reclamando que remate xa a política de “represalias e castigos” aos e ás profesionais que tentan realizar un traballo digno e pediu a “reprobación” do director xeral da CRTVG e iniciar o proceso para a escolla dun novo director, tal e como marca a lei.  As demandas do BNG foron  rexeitadas polo grupo maioritario do Partido popular.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG