O PP impide que prospere unha iniciativa do BNG para potenciar os servizos ferroviarios de cercanías

A deputada Ana Pontón instou á Xunta a reclamar do Goberno do Estado a transferencia dun fondo de 400 M€ para a posta en marcha de servizos de cercanías ferroviarias en Galiza e constituír o Ente Público Ferroviario Galego para a xestionar os servizos de proximidade

Pleno.- No debate celebrado, onte a última hora da tarde, no Parlamento galego, a deputada do BNG, Ana Pontón defendeu, a través dunha proposición non de lei reclamar do Goberno do Estado a transferencia dun fondo especial de 400 M€ para a posta en marcha de servizos de cercanías ferroviarias en Galiza e construír o Ente Público Ferroviario Galego para xestionar os servizos de proximidade.

O PP vota en contra da iniciativa nacionalista

A iniciativa, votada hoxe, foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular. A parlamentaria lamentou que o Partido popular se posicione “en contra da modernizacións do ferrocarril en Galiza” e que sega utilizando argumentos falaces que nada teñen que ver co debate. Resulta delirante, dixo, que tenten responsabilizar ao Bloque Nacionalista Galego dos incumprimentos do Partido popular en relación co AVE. A deputada lembrou que foi Álvarez Cascos o que foi premiado polo PP cunha medalla tras a catástrofe do Prestige e prometían que o AVE chegaría no ano 2008, despois o propio Feijóo asinou o Pacto do Obradoiro anunciando que o AVE chegaría no 2012, máis tarde no 2015 e agora xa din que no 2018. Nós o que constatamos, afirmou Pontón é que a liña Coruña-Ferrol segue “sendo exactamente a mesma que hai 100 anos” a pesar de que con inversións moi pequenas poderíase reducir á metade os tempos. A saída Sur de conexión con Porto,engadiu, a vostedes non lle importa e dende que goberna o Partido popular foron recortados servizos porque parece que non saben que “os galegos e as galegas viven en máis lugares que en Santiago, Coruña, Pontevedra ou Vigo”.

A deputada considerou que non hai xustificación posible para que exista unha soa liña ferroviaria pensada para ese eixo, porque desa maneira, explicou, “condenamos e discriminamos a unha parte dos galegos e galegas e constrúese un país no que se agudizan as diferenzas territoriais”.

Finalmente, a parlamentaria afirmou que ao PP “só lle preocupa chegar a Madrid” e o deseño do ferrocarril en Galiza responde a esa “obsesión”. Para a deputada, o PP está en contra de poñer en marcha as cercanías ferroviarias e concluíu agardando que “non sega sendo durante máis tempo unha rémora para o noso país”.