PP frea no Parlamento a proposta do BNG para impedir a deslocalización empresarial en Galiza
A iniciativa nacionalista buscaba garantir que as empresas que reciban axudas públicas non abandonen o país nos dez anos seguintes
Brais Ruanova: “O PP di que defende a industria, pero cando se trata de protexer os empregos e poñer condicións ás subvencións, ponse do lado das multinacionais, non da clase traballadora nin das comarcas que dependen destas fábricas”
O Partido Popular vetou hoxe no Parlamento galego a tramitación da Proposición de Lei do Bloque Nacionalista Galego contra a deslocalización empresarial, unha iniciativa que pretendía garantir o retorno social das axudas públicas, obrigando ás empresas beneficiarias a manter a súa actividade no país durante un mínimo de dez anos.
A proposta, defendida polo deputado nacionalista Brais Ruanova, incluía medidas como o reintegro das subvencións e un recargo do 25% en caso de deslocalización, así como a creación dunha unidade de análise sobre este fenómeno dentro da Xunta.
“O que fixo o PP hoxe foi darlle carta branca ás empresas que reciben millóns en axudas públicas e despois botan o feche, deixan na rúa centos de traballadores e levan a produción fóra. É un insulto para Galiza e para quen defende un tecido produtivo digno”, denunciou Ruanova.
O deputado do BNG lembrou que Galiza leva anos sufrindo o impacto da deslocalización en sectores chave como o téxtil, a automoción ou a conserva: “Non se trata de impedir o crecemento empresarial, senón de poñer límites ao espolio encuberto co que se están financiando con diñeiro público estratexias de abandono e precarización.”
“O PP di que defende a industria, pero cando se trata de protexer os empregos e poñer condicións ás subvencións, ponse do lado das multinacionais, non da clase traballadora nin das comarcas que dependen destas fábricas”, engadiu o deputado.
O BNG xa anunciou que volverá presentar a iniciativa e buscará apoios sociais e sindicais para forzar un cambio de rumbo na política industrial galega.