O PP exclúe a comarca de Muros-Noia do transporte metropolitano

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez afirma que a inclusión da comarca na área de Santiago de Compostela que propón o BNG, contribuiría ao impulso do sistema de transporte público colectivo e respondería unha histórica reivindicación dos veciños e veciñas

A deputada do BNG, Rosana Pérez demandou, a través dunha proposición non de lei “Incluír no convenio de colaboración entre a Xunta de Galiza e distintos concellos aos da comarca de Muros e Noia na da Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela e mellorar a conexión entre a comarca de Muros e Noia sobre todo con Boiro e A Pobra do Caramiñal”.  A proposta do BNG foi rexeitada polo Partido popular na comisión de Ordenación do Territorio.

A  deputada do BNG lamentou que “unha vez máis” o Partido popular dera as costas á unha  vella demanda  e ironizou coa rapidez do Ave a Madrid fronte a “falta dun transporte axeitado na comarca do Barbanza”.

Na defensa da iniciativa, a nacionalista, explicou  que a Xunta desenvolveu un primeiro proxecto de mellora do transporte nas sete principais cidades de Galiza e no caso de Santiago de Compostela, o primeiro convenio de colaboración para a implantación dun grupo de medidas de fomento do transporte público tivo lugar no ano 2006 cun total de oito concellos da área compostelá  ampliado no ano 2010 a  once  e  finalmente,  a través do Plan de Transporte Metropolitano de Galiza, en novembro de 2020 , “18 concellos conforman a Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela (ATM)”.

Para a deputada resulta “inexplicable” que no ano 2020 non foran incluídos concellos moi próximos á capital galega  que, ademais, levan anos solicitando formar parte da área metropolitana de Santiago como   Noia e a súa comarca, a zona de litoral máis próxima a Santiago que, a día de hoxe, padece numerosos problemas de mobilidade e falla de conexión en transporte público colectivo.

Por outra parte, engadiu na comarca de Muros e Noia un  gran número de persoas deben   viaxar dende os diferentes municipios a Santiago por motivos laborais, sanitarios, de estudos ou de ocio nun  servizo de transporte “moi deficiente” e  propio parlamento galego recalcou aprobou un acordo unánime , no ano 2017, co fin de  “iniciar un estudo para incluír a Noia na área de transporte metropolitano de Santiago” pero a día de hoxe, “continúa agardando por esa inclusión”.

Ademais, engadiu, a falla de conexión axeitada entre a comarca de Muros e Noia e a da Barbanza resulta un caso  “paradigmático do abandono e desidia” da administración.

Transporte insuficiente entre concellos

 Concellos como Boiro ou A Pobra do Caramiñal, remarcou  a deputada do BNG, gardan unha importante relación histórica, económica e social con Noia, sobre todo “laboral” coas ás  fábricas conserveiras de Boiro e A Pobra, e que distan apenas vinte minutos en coche, pero nun transporte  “cun só servizo directo ao día en cada dirección, ampliado a tres en períodos lectivos e sen conexión nas fins de semana”,  fan imposible a comunicación.

A paulatina redución de traxectos nos últimos anos fai que a conexión entre Noia e Boiro ou A Pobra sexa unha combinación case imposíbel  co  abandono do transporte público  por parte dos usuarios e usuarias que, na maioría das ocasións, acaban optando por  un circuíto dende Noia a Ribeira  e  á Pobra mesmo  con transbordo na Pobra para dirixirse a Boiro. É dicir, “unha ruta dende Noia a Boiro, de apenas 18 quilómetros e 20 minutos, convertida   nun auténtico rodeo  de 40 quilómetros e hora e media de duración”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG