Municipais 2023

Pontón: “Vexo a Lores e a todo o seu grupo con máis ilusión que nunca”

WhatsApp Image 2023-05-19 at 21.23.45
WhatsApp Image 2023-05-19 at 21.23.45

Lores destaca que o BNG propón unha Pontevedra que siga avanzando fronte as outras forzas que queren desfacer o logrado e volver atrás

Nada está gañado e non se pode perder ningún voto das persoas que lle queren a Pontevedra, advirte a líder do Bloque

A portavoz nacional, Ana Pontón, compartiu mitin con Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra que colocou como, “exemplo” de como o BNG é capaz de sumar ao seu modelo municipal a cada vez máis amplas capas da sociedade, transformar e facer avanzar un concello, unha cidade, a un ritmo rápido e positivo, recalcou.

Unha Pontevedra na que hoxe hai un concello equitativo que trata a todas as persoas por igual, que é unha cidade alegre, vitalista e optimista; con proxecto e modelo propio “envexado en medio mundo”, exemplo de progreso, de cidade avanzada que foi capaz de elaborar e poñer en práctica solucións altamente innovadoras, “e máis que será así no futuro con Lores de Alcalde!”, proclamou.

“Vexo a Lores e a todo o seu grupo máis ilusionados que nunca, vexo en Lores e nas persoas da candidatura ilusión e entusiasmo desbordante e cada vez que veño aquí énchenme a cabeza de ideas, proxectos e actuacións de futuro, case nunca me falan do logrado senón do porvir, de máis porvir para Pontevedra”, confesou.

A clave dese entusiasmo, “é o seu amor a Galiza e a Pontevedra, e a súa confianza na sociedade pontevedresa, convencidos e convencidas de que o que hai que facer é avanzar, avanzar e avanzar”, recalcou na súa intervención. “Lores e o seu grupo pensaron e pensan Pontevedra en grande, igual que eu penso unha Galiza en grande e o meu soño é facer realidade esa Galiza en grande como se está a facer en Pontevedra”, destacou. 

“Todas as persoas que lle queredes a Pontevedra podedes e debedes estar orgullosas do voso concello, eu estou moi orgullosa de Pontevedra, pero as persoas que lle queren a Pontevedra deben ser conscientes que o inimigo é moi poderoso e vai usar todas as súas mañas, as boas e sobre todo as malas, para frear e darlle volta atrás ao impresionante traballo feito en Pontevedra por Lores e o BNG, pretenden desfacer os avances de Pontevedra”, advertiu Pontón.

Acto Pontevedra
Acto Pontevedra

Por iso, instou a mobilizarse, a non perder ningún voto a favor de Pontevedra, “porque nada está gañado, todo está por gañar e temos todas as papeletas para gañar pero hai que traballalo, non se pode perder nin un voto das persoas que lle queren a Pontevedra, hai que traballar e conseguir até o último voto”, recalcou Pontón, concluíndo a súa intervención expresando a súa esperanza e convencemento “de que dentro de pouco tempo poidamos empezar a construír unha Galiza en grande, pero para iso temos que encher as urnas o día 28 de Maio”.

Pola súa parte, Lores indicou que quere “abrir unha nova etapa en Pontevedra”. “Preséntome, -recalcou-, porque estou no mellor momento da miña vida política, coa serenidade e o coñecemento que da a experiencia, pero con máis ilusión que nunca para esta nova etapa, este novo ciclo a 8-10 anos. Estou namorado até as trancas de Pontevedra, sinto verdadeira paixón por Pontevedra, e o amor e a paixón dan ilusión, dan empuxe, fan pensar no futuro”.

“Fronte ás outras forzas políticas que propoñen frear o avance e  dar abertamente unha volta atrás no modelo, o BNG propón máis modelo Pontevedra, máis avanzar cara o futuro, máis por vir. Propón avanzar na Pontevedra do futuro, con actuacións moi ambiciosas, pero realistas e con coñecemento da súa viabilidade e das súas consecuencias, avanzar con solucións xenuínas e adaptadas a nosa realidade”, explicou. 

“Para rematar, quero facer un chamamento ás persoas que lle queren a Pontevedra, que poñen o seu cariño a Pontevedra por enriba de intereses, de afinidades, de compadreos e de siglas. Ofrézolle coa man tendida un proxecto común e integrador para toda Pontevedra e quero que saiban que poden ter confianza que, entre todas e todos, lograremos os soños que ambicionamos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG