Pontón ve a Lores con máis ilusión e máis entusiasmo que nunca para revalidar a confianza da veciñanza de Pontevedra

Presentación Lores
Presentación Lores

Destaca a confianza, valía, capacidade e o factor Lores como claves do éxito do BNG, que foi capaz de converter Pontevedra nun referente mundial

“É unha alegría especial”, confesa sobre a decisión de volver presentarse

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Pontevedra para acompañar ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no seu anuncio público de que está decido a revalidar a confianza da veciñanza de Pontevedra volvendo encabezar a candidatura do BNG nas próximas eleccións municipais. Unha confirmación que para a líder nacionalista, confesou, é “unha alegría especial”.

“Todo o BNG ten mirado para o BNG de Pontevedra para aprender como se pode gobernar para mellorar a vida das persoas, como se pode usar o goberno como instrumento de transformación en positivo da sociedade e eu mesma teño aprendido moito do seu xeito de afrontar os problemas, da súa forza e cohesión como colectivo, un exemplo”, salientou Pontón na súa intervención.

A líder nacionalista resaltou unha das cuestións que considera parte fundamental do éxito do BNG na cidade do Lérez: a confianza que teñen nas nosas posibilidades e fe na sociedade pontevedresa, “para desde esa confianza buscar solucións e alternativas das máis avanzadas do mundo pero adaptadas á nosa realidade, neste caso á realidade de Pontevedra”.

Ao lado desa confianza e desa fe, Pontón destacou a “valía” das persoas que “con gran brillantez” poñen “as súas capacidades ao servizo do avance de Pontevedra”, o que sumado ao factor Lores explica que a cidade se teña convertido nun referente internacional.

“Porque si, hai algo especial que se chama Lores, que ten algo que non se aprende, que sen ten ou non se ten, esa ilusión permanente e infinita por facer avanzar Pontevedra, e cando fala da súa cidade todo é namoramento, paixón desbordante é entusiasmo contaxioso polo futuro de Pontevedra”, destacou.

A líder do BNG ve ao alcalde pontevedrés cheo de ilusión e coa mesma forza para seguir liderando a Boa Vila que cando asumiu a Alcaldía por primeira vez, “mirando a un futuro mellor e coas ideas claras”, froito do seu profundo coñecemento da cidade que transformou ao longo de dúas décadas de goberno. “Ten a mesma ilusión que o primeiro día”, recalcou.

“Que teña as ideas tan claras é lóxico dados os seus coñecementos, pero esa ilusión de futuro, ese entusiasmo ou se ten ou non se ten, e Lores ten entusiasmo e ilusión para dar e regalar. Eu, que son unha persoa positiva e entusiasta, aínda así, pediríalle que me traspasase o que lle sobra a el”, insistiu afectuosa, “a paixón de Lores por Pontevedra, algo que non se pode aprender, e menos aparentar ou impostar, e Lores ten entusiasmo, ilusión e paixón para dar e regalar”, concluíu. Un entusiasmo que, declarou convencida, contará con apoio da militancia do BNG de Pontevedra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG