Pontón urxe a Rueda a pedir a declaración de zona de emerxencia por borrascas no litoral afectado ante a grave situación do marisqueo

Reunión Cofraría

Defende a bonificación das cotas da Seguridade Social para xs profesionais do sector con efecto retroactivo desde o mes de novembro

Pide á Xunta que aproveite a caducidade da concesión para asumir a xestión do encoro do Tambre, dado o impacto do seu baleirado sobre a ría de Muros-Noia

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou desde Noia que o BNG vai interpelar ao Executivo de Alfonso Rueda neste próximo Pleno do Parlamento galego para reclamar “solucións reais” ante a grave situación do sector marisqueo, entre as que a formación nacionalista defenderá que a Xunta solicite “a declaración de zona de emerxencia por borrascas” para a zona litoral afectada polas borrascas rexistradas neste último ano.

Así o adiantou logo da reunión que mantivo con representantes da Confraría de Noia para avaliar “a situación límite” que sofre un sector que padece desde hai anos unha baixada da produtividade moi intensa que o BNG vén reclamando que sexa “estudada cientificamente” por parte da Xunta, dado que as rías son “un motor fundamental da economía e do emprego de todas as zonas costeiras do País”.

“Este é un problema que afecta á ría de Noia, pero que sabemos que afecta ao conxunto das rías galegas e, lamentablemente, a pesar da importancia económica e social que ten o sector marisqueiro no noso País, non vemos que a Xunta estea dando resposta”, remarcou en declaracións aos medios logo dun encontro no que tamén participaron a responsable parlamentaria de Mar, Rosana Pérez, os portavoces municipais de Noia e Lousame, Ricardo Suárez e Anxo Moledo, respectivamente, así como a responsable comarcal de Muros-Noia, Sol Agra. 

A isto sumou a situación vivida este ano cunha fronte de temporais moi intensos que provocou a parálise do sector durante meses e unha afectación moi importante á produción de especies fundamentais, cunha mortaldade masiva por exemplo na ría de Noia tanto de berberecho como de ameixa xapónica. “Isto está provocando que centos de persoas que viven directamente do marisqueo aquí non teñen ingresos e non están tendo as axudas necesarias por parte das diferentes Administracións”, advertiu.

A líder nacionalista tamén puxo o foco sobre o incremento dos prezos dos combustibles pola guerra de Irán que, xunto a todo o anterior e “como unha especie de tormenta perfecta”, está levando a unha situación límite ao sector marisqueiro, que “está sufrindo unha hemorraxia” ante a que os gobernos tanto da Xunta como do Estado non están aplicando “medidas eficaces”. “Queren frear esta hemorraxia cunha tirita e, evidentemente, a situación así non se vai a solucionar”, reprobou.

Diante desta situación, Pontón criticou ao Goberno de Rueda uns anuncios “que son un auténtico bluff” e que evidencian a ausencia dun “plan pensado e meditado” para axudar ao sector, polo que, fronte á incapacidade dos populares, defendeu as medidas realistas e concretas propostas polo BNG.

Entre elas, e ademais da solicitude de declaración de zona de emerxencia por borrascas, defendeu a aplicación de bonificacións nas cotas das mariscadoras, con efecto retroactivo desde o mes de novembro, e reclamou ao Executivo “un plan específico para axudar ao sector marisqueiro, con normas claras e recursos suficientes”.

“Cremos que as medidas que anunciou a Xunta son un auténtico bluff, insuficientes e improvisadas”, recalcou para apelar a continuación á necesidade de contar cun goberno que “se poña a traballar man a man coas confrarías para solucionar os problemas que neste momento afectan a miles de persoas que viven directamente do mar”.

A portavoz nacional tamén se referiu a un problema específico que afecta á ría de Muros-Noia, o do impacto negativo do baleirado do encoro do río Tambre, cunha “xestión criminal desde o punto de vista do marisqueo” por parte da eléctrica Naturgy. Neste sentido, criticou que se permita o baleirado cando hai baixamar, o que provoca que se incremente a mortaldade do marisco, e recordou que o Bloque leva moito tempo reclamando un protocolo claro para o baleirado de encoros e sancións para as eléctricas que actúen deste xeito.

Respecto do caso concreto do do Tambre, e ante a caducidade da concesión, Pontón instou á Xunta a asumir directamente a xestión deste encoro e “non volvelo a regalar a unha eléctrica para que se siga forrando cos recursos do País e, pro riba, destruíndo a riqueza das nosas rías”, alegou.

“Desde o BNG estamos ao lado do sector do mar, que é un sector estratéxico da nosa economía, que pensamos que ten un inmenso futuro e unha capacidade para poder enfrontar os retos que ten neste momento, pero que necesita gobernos que estean á altura e iso é precisamente o que lle imos demandar á Xunta”, concluíu.