Pontón urxe que se poñan todos os recursos dispoñibles para frear unha das maiores catástrofes da historia recente de Galiza

Ana Pontón atendendo aos medios
A portavoz nacional reclama un cambio estrutural nas políticas forestais e de prevención para que non se repitan situacións como a que está a arrasar Ourense, onde xa ardeu o 8% da superficie da provincia

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, visitou hoxe as zonas máis afectadas pola vaga de incendios en Ourense, concretamente no concello da Mezquita, onde alertou da situación “crítica e dramática” que está a vivir o país. “Estamos ante os maiores lumes da nosa historia e a prioridade absoluta neste momento ten que ser apagar o lume canto antes”, subliñou.

Pontón denunciou que a Xunta está “desbordada e sen capacidade de anticipación”, ao non prever nin preparar un dispositivo suficiente para facer fronte á emerxencia. “O que hai é unha falta de medios e unha grave descoordinación, cando o fundamental sería ter todos os recursos dispoñibles e unha organización eficaz para evitar que o lume siga avanzando”, afirmou.

Ana Pontón co alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, e veciños e veciñas da localidade.

A líder nacionalista trasladou o seu recoñecemento a todas as persoas que loitan contra o lume, desde o persoal dos dispositivos de extinción até alcaldes, alcaldesas, veciños e veciñas que tiveron que enfrontarse ás lapas “coas súas propias mans ante a falta de medios”.

Pontón advertiu de que esta traxedia “non pode quedar en nada unha vez chegue o inverno”. Pola contra, debe marcar “un punto de inflexión” que implique máis investimento en prevención, mellor ordenación do territorio, plans específicos para zonas recorrentes en incendios e medidas urxentes de recuperación para as áreas arrasadas. “Non pode ser que a xente se sinta abandonada despois de que o lume devastase as súas terras”, insistiu.

A portavoz do BNG reclamou tamén un cambio de rumbo na política forestal e no modelo de xestión rural: “Non podemos ter un monte baseado unicamente en especies pirófitas, que agravan os incendios. Precisamos un monte multifuncional, con outra ordenación e con políticas que poñan en valor o rural”.

Finalmente, Pontón subliñou que, ademais da prioridade inmediata de sufocar os lumes, será necesario abrir un debate sobre as responsabilidades políticas. “Evidentemente hai responsabilidades na mala xestión desta vaga de incendios e na falta dunha política preventiva real por parte do PP, pero o urxente agora é poñer todos os medios e lograr a máxima coordinación para que acabe este pesadelo que tantas comarcas galegas están a sufrir”, concluíu.