Pontón urxe ao Goberno do PP a cambiar a norma para protexer as traballadoras do SAF
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou o Goberno de Rueda a cambiar de maneira urxente a normativa que regula o Servizo de Atención no Fogar co obxectivo de mellorar as condicións laborais e protexer ás súas traballadoras de situacións de discriminación, de acoso ou de agresións como a que acabaron coa vida de Teresa de Jesús, a muller asasinada no Porriño o pasado 29 de xullo.
“O Goberno da Xunta non fixo absolutamente nada para protexer as traballadoras do SAF nin antes nin despois do asasinato de Teresa de Jesús”, denunciou Pontón, tras reunirse cunha representación deste colectivo de mulleres, en torno a doce mil en todo o País, que prestan un “servizo esencial” e que levan anos denunciando a súa precariedade laboral e as condicións nas que traballan.
Traballo por horas utilizando o seu propio vehículo par desprazarse dun domicilio a outro, ou falta de medios para atender adecuadamente ás persoas dependentes –camas articuladas, grúas ou duchas adaptadas— son só algunhas das situacións que afronta este colectivo, marcado pola precariedade laboral.
No encontro desta mañá, ao que tamén asistiu a viceportavoz primeira do BNG; Olalla Rodil, as traballadoras expuxeron ademais situacións de acoso sexual, discriminacións racistas no caso de auxiliares migrantes, ou agresións físicas e verbais ás veces por parte das persoas dependentes —sobre todo en caso de doentes con deterioro cognitivo— pero tamén por parte de familiares, tal e como relatou Pontón.
É por iso que o BNG considera que a Xunta non pode agardar máis para facer os cambios normativos que sirvan para protexer a este colectivo, con medidas como as que o grupo nacionalista leva reclamando no Parlamento desde hai xa anos. Pontón recordou que xa en decembro de 2020 o Bloque reclamou cunha iniciativa rexeitada polo PP protocolos de prevención e intervención nos casos de agresións, violencia machista e discriminacións das traballadoras nos domicilios nos que se presta o SAF.
A líder do Bloque, que no Pleno desta semana preguntará a Rueda por esta cuestión, defendeu a reforma da orde que regula o SAF para adoptar con seguridade xurídica medidas de suspensión temporal ou total do servizo nos casos de agresión, violencia machista ou discriminación.
Ademais, a portavoz nacional considerou totalmente imprescindible mellorar a financiación de servizo, que actualmente está colapsado e “ao borde da quebra”, sendo ademais motivo de asfixia económica para os concellos, xa “infrafinaciados” e malia que a lei establece que o SAF debe ser financiado ao 50 % por Xunta e Estado. Lonxe de incrementar o financiamento para aliviar as contas locais e mellorar a prestación desta axuda no fogar, a Xunta optou por recortar no que vai de ano até 17 millóns de euros da partida destinada ao servizo, denunciou.
Segundo remarcou a portavoz nacional, actualmente o custe medio da hora no SAF é de 23 euros, polo que é urxente incrementar os recursos financeiros que se destinan á súa prestación. A proposta nacionalista e aumentar o financiamento de maneira inmediata e con carácter retroactivo desde xaneiro até os 17 euros a hora, co obxectivo de acadar os 20 € no 2027.
Pontón reclamou a implicación da Consellería de Política Social na mellora das condicións laborais das traballadoras do SAF, impulsando unha xuntanza coa patronal e coas organizacións sindicais do sector dos coidados para proomer a actualiación do seu convenio laboral, garantindo unhas condicións laborais dignas tanto no económico como no que ten que ver cos seus dereitos.