Pontón solicítalle por carta a Rueda unha reunión urxente para presentarlle a proposta do BNG para un pacto real polo galego

Olalla Rodil

Olalla Rodil denuncia que o plan do PP é “un catálogo de rebaixas” porque reduce a protección á lingua propia e mantén o decreto da vergoña

“Agardamos que o presidente acepte e encontro e deixe de esconderse, porque foi o gran ausente neste asunto desde o minuto un”, asegura   

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, solicitoulle por carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha reunión urxente para avanza cara un pacto real en favor do galego. Así o anunciou hoxe a viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, tras a reunión da Xunta de Portavoces. “Agardamos  que o presidente acepte o encontro e deixe de esconderse, porque foi o gran ausente neste asunto desde o minuto un. Ni tan sequera estivo no acto propagandístico do PP no Gaiás”, asegurou.

Tal e como explicou Rodil, Pontón solicita esta xuntanza ao máis alto nivel coa “firme vontade”  de traballar a prol do galego e trasladarlle ao Goberno a proposta do BNG para poder reverter a situación lingüística de emerxencia e garantir os dereitos lingüísticos das galegas e galegos. Olalla Rodil afirmou que “lamentablemente o Plan que aprobou o goberno do PP na Xunta non trae novas medidas a favor do galego, é un paripé propagandístico para intentar tapar 17 anos de políticas en contra da lingua propia de Galiza”.

A viceportavoz do BNG no Parlamento cualificou o plan presentado como “un catálogo de rebaixas, un paso atrás respecto do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no ano 2004”, xa que, entre outras cuestións, reduce a protección existente até o de agora co mínimo do 50% do ensino en lingua galega. O documento presentado pola Xunta elimina esta protección mínima, deixando máis desprotexida á lingua no ámbito educativo.

A maiores, a parlamentaria lembrou que este plan mantén vixente o “decreto da vergoña” e perpetúa a prohibición de impartir materias científicas e tecnolóxicas na lingua propia. "O vindeiro curso comezará co galego practicamente barrido da etapa de infantil e coa Xunta mantendo a enquisa ás familias sobre a lingua de preferencia, a pesar de que xa foi invalidada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, profundando nun modelo educativo que actúa como un elemento desgaleguizador", denunciou.

Rodil insistiu na urxencia deste encontro lembrando os últimos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE), que constatan que coa aplicación deste decreto só o 7% do alumnado fala en galego e 1 de cada 3 menores de 15 anos recoñece non saber falalo. “Como vas exercer o dereito a usar un idioma se non che permiten adquirir as competencias para coñecelo?”, cuestionou a deputada, facendo fincapé en que institucionalmente xa se advertira do impacto desgaleguizador destas políticas por parte do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega (RAG).

Ademais, segundo subliñou a deputada, as medidas vendidas como novidades, como a inclusión lingüística da poboación migrante, a normalización nos medios de comunicación ou a presenza nas redes sociais e tecnoloxías, xa estaban recollidas no plan do 2004 e non se executaron porque o PP “segue instalado na mesma pancarta contra o galego que Rueda encabezaba no 2009”, en alusión á súa presenza na manifestación de Galicia Bilingüe, hoxe Hablamos Español.

Rodil concluíu pedíndolle ao Executivo galego que “se quere avanzar nun pacto real a favor do galego acepte a solicitude de reunión proposta polo BNG”. Para a formación nacionalista é urxente poñerse a traballar canto antes en medidas que realmente blinden o dereito a coñecer a lingua propia de Galiza como paso indispensable para poder usala en igualdade de condicións.