Pontón: “Rueda mantén o decreto da vergoña e confírmase como o presidente do Non ao galego”
A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que manter o decreto da vergoña co que o goberno do PP converteu o galego nunha lingua de segunda no ensino confirma a Rueda “como o presidente do Non ao galego”. “Non estamos ante ningún pacto pola lingua, senón ante un acto de propaganda co que Rueda intenta tapar 17 anos de políticas contra o galego”, denuncia a líder do BNG.
“A información da que dispoñemos é que Rueda vai manter o infame decreto contra o galego que fixo que a nosa lingua sexa unha lingua de segunda no ensino, incumprindo a lei. Ese decreto da vergoña que nos levou á situación actual de desastre na que cada vez se fala menos galego”, explicou Pontón.
“Polo tanto, o Partido Popular non quere un pacto polo galego, estamos ante un acto de propaganda de Rueda para tapar 17 anos de goberno en contra do galego e a proba é que mantén o mesmo decreto da vergoña, que mantén a mesma engrenaxe que situou o galego como a única lingua que perde falantes”, subliñou. “Tanta propaganda para chegar a unha triste conclusión: Rueda é o presidente do Non ao galego, a lingua propia deste País”.
Para a portavoz nacional, o goberno do PP “estalle roubando os nosos nenos e nenas o seu dereito a aprender a lingua propia e a súa liberdade para falala, e isto non é por casualidade, é o resultado de 17 anos de goberno do Partido Popular que gobernou utilizando as institucións propias deste País para atacar a lingua que nos une a todos os galegos e galegas, a nosa lingua, a lingua das nosas avoas e das nosas nais que queremos que sigan falando os nosos fillos e as nosas fillas”, explicou.
Pontón botou man dos datos da Real Academia Galega, do IGE e do Consello da Cultura Galega sobre os resultados do decreto da vergoña: un de cada dous mozos e mozas educadas baixo este decreto non usa nunca o galego, só o 7% fala galego sempre, a metade que en 2008 e, o máis grave, un de cada tres non sabe falalo. Ademais, o galego é hoxe a única lingua do Estado que perde falantes.
O BNG lembra que o presidente da Xunta ten no seu currículo encabezar a infame manifestación en contra do galego ao lado dunha organización hoxe rebautizada como Hablemos español; votar en contra do idioma do País no propio Parlamento de Galiza, aplaudir o veto do PP para evitar que se use galego no Congreso e secundar a campaña en contra da nosa lingua nas institucións europeas de ganchete coa extrema dereita. Esta é a folla de servizos de Rueda, “o presidente do Non ao galego”.