Pontón, a Rueda: “Lugo non paga traidores e vaillo demostrar nas urnas nas próximas eleccións municipais”

Ana Pontón en Lugo

Acúsao de buscar o poder polo poder e incumprir os estatutos do PP coa moción de censura porque non lle saían as contas para chegar á Alcaldía

“Estar disposto a comprar persoas mesmo utilizando recursos públicos ten un nome e chámase corrupción política”, advirte

A portavoz nacional, Ana Pontón, advertiu ao PP e a Alfonso Rueda que “Lugo non paga traidores” e “vaillo demostrar nas próximas eleccións municipais” cando a cidadanía “volva ter na súa man o poder de decidir quen quere que estea ocupando a Alcaldía na cidade”.

Así o afirmou nunha comparecencia ante os medios de comunicación xunto ao tenente de alcalde, Rubén Arroxo, na véspera da celebración do pleno municipal no que se consolidará a “antidemocrática, indecente e ilexítima” moción de censura promovida polo PP en Lugo co voto dunha concelleira tránsfuga. 

Unha moción de censura, incidiu, que demostra como o PP “está disposto a todo para facerse co poder”, nunha “deriva antidemocrática” que non ten límites e na que non lle importa nada a cidade, só “o poder polo poder”.

“Estou segura de que a cidadanía vailles demostrar dentro dun ano que Lugo non paga traidores, que non vale todo, que non vale amañar unha moción de censura sobre a morte de tres persoas, que non vale a compra de vontades utilizando recursos públicos e que non vale poñer a ambición do Partido Popular por diante da cidade”, afirmou, para subliñar a continuación que os lucenses e as lucenses merecen “respecto ao seu voto e á súa dignidade” e que van responder nas urnas ao PP como se merece.

A líder nacionalista preguntouse por que unha moción de censura agora, cando falta só un ano para que se celebren as próximas eleccións municipais. “Está moi claro, porque o Partido Popular viu que non lle daban as contas e está utilizando as peores males artes que pode haber en política, sen importarlle nin botar por terra o que din os seus propios estatutos”, remarcou.

Neste sentido, recordou que os populares tentaron durante todo este tempo “normalizar o transfuguismo”, pese a que os seus propios estatutos sinalan esta práctica como “moi grave” e que “non se pode permitir dentro desa organización”. “Pero sabemos cal é o valor dos principios e dos estatutos do Partido Popular, absolutamente nada”, denunciou logo de cualificar como “de quita e pon” uns estatutos cuxo incumprimento demostra a falta de límites dun PP que “non respecta nin a democracia, nin as normas do xogo democrático”.

Pontón advertiu que a moción de censura tamén evidencia que “o Partido Popular non soporta o contraste entre 17 anos que están deixando unha Galiza en pequeno e o avance que se produce naqueles concellos onde goberna o BNG”, tal e como acontece en Lugo, onde a organización nacionalista deu o mellor de si pola cidade -o que exemplificou en Rubén Arroxo como portavoz e tenente de alcalde-, traballando sen descanso para mellorar a vida dos veciños e das veciñas e demostrando que se pode gobernar doutra maneira. “Isto é o que non soporta o PP”, sintetizou.

Un PP, afondou, ao que non lle importa Lugo porque, se así fose, “tería feito xusto o contrario do que fixo” durante os seus 17 anos de goberno, nos que paralizou a recuperación da Tinería, o Museo da Romanización ou moitos proxectos do Plan Paradai -exemplificou- e mesmo a Xunta quedou con recursos que tiñan que ser destinados á cidade, como aconteceu con fondos procedentes de Augas de Galiza.

Fronte á “parálise” que supón o PP para Lugo, a portavoz nacional avanzou que o Bloque vai seguir traballando “por e para os veciños e veciñas”, desde o convencemento de que a cidade “merece máis”.

“Lugo non se merece esta indigna moción de censura, unha moción que o único que busca é o poder polo poder e na que o propio Partido Popular está disposto a comparar persoas mesmo utilizando recursos públicos e isto, hai que dicilo con todas as letras, ten un nome e chámase corrupción política, que é o que está facendo o PP”, denunciou.

A preguntas dos medios, a líder do BNG lamentou que o PP non só practique “a antidemocracia” con esta moción de censura, senón que, por riba, “intente atacar á cidadanía que libremente está expresando a súa indignación” ante o feito de que “se queira comprar nos despachos” unha Alcaldía que os veciños e veciñas non lle deron nas urnas hai tres anos.

Por iso, reafirmou o seu convencemento de que os lucenses e as lucenses van devolver aos populares á oposición nas próximas municipais. “Dentro dun ano imos ver que Lugo non paga traidores e que a cidade vai recuperar o pulso e o impulso, demostrando ao PP que ten a dignidade que eles non teñen”, concluíu.

Pola súa parte, Rubén Arroxo salientou o “malestar que está sentido a xente de Lugo”, incluídas persoas que votaron ao PP, ante unha moción de censura “antidemocrática e totalmente ilexítima” e a súa preocupación pola inestabilidade que se está xa a ver na cidade e a que se poida ver de agora en diante.

Neste sentido, recordou que había moitos proxectos xa planificados que, advertiu, agora “quedan totalmente nun limbo” no que non se sabe que vai pasar con eles, o que provoca a inquedanza das persoas que querían investir e traballar en Lugo.

Por iso considerou absolutamente negativa unha moción de censura para unha cidade que “estaba a avanzar moito, que por primeira vez na súa historia superou os 100.000 habitantes, que viviu nestes sete anos a maior transformación da súa historia” e que estaba a bater récords en ámbitos como o das visitas turísticas.

Arroxo subliñou en todo caso que a cidade entra nun momento de inestabilidade, pero tamén nun momento de esperanza. “Quedan doce meses para devolverlle a dignidade a Lugo e nestes doce meses traballaremos para conseguilo”, concluíu.