Pontón reclama a Rueda que saque Ourense do abandono tras máis de dezaseis anos de recortes na sanidade pública

Encontro Agrupación Miño

Urxe máis medios na Atención primaria e actuar contra o deterioro alarmante do CHUO, cun centro materno infantil que “cae a cachos”

A portavoz nacional reuniuse coa agrupación de asociacións veciñais de Ourense, ás que presentou a alternativa “en positivo” do Bloque na cidade

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a sacar Ourense do “abandono” ao que a ten sometido o seu goberno  nos últimos anos, provocando un “deterioro preocupante” do estado de benestar, especialmente da sanidade pública e a atención á dependencia.

“Levamos 16 anos de acoso e derriba contra a sanidade pública do noso País, con políticas de recortes e de privatizacións que están provocando un importante deterioro na sanidade pública de Ourense”, denunciou Pontón tras a xuntanza que mantivo coa agrupación de asociacións veciñais da cidade para escoitar as súas inquedanzas e trasladar a alternativa “en positivo” do BNG.  

A líder do Bloque criticou a situación de deterioro alarmante do CHUO pola falta de especialidades importantes e cun centro materno infantil   —dixo— que “cae a cachos”, como recentemente vén de acontecer co derrubamento dunha parte do teito deste centro no que, subliñou, “paren as mulleres de Ourense”. “É unha vergoña”, dixo.

É por iso que reclamou o Goberno do PP a construción dun novo edificio para o materno e que tome medidas xa, tamén para atallar os problemas que afectan á atención primaria, que precisa de máis medios e máis centros. Defendeu, neste punto, a construción urxente dun centro de saúde no barrio do Vinteún, unha reclamación da veciñanza avalada por máis de tres mil sinaturas e que o BNG apoia ao 100%.

Reclamou, ademais, o incremento de persoal en todos os centros de Primaria da cidade como medida necesaria para mellorar a atención á saúde e acabar coas listas de até quince días que os ourensás e as ourensás teñen que soportar na actualidade para ver o médico ou médica de cabeceira.

En relación á sanidade, pero tamén ás infraestruturas da cidade, emprazou o Goberno da Xunta a executar na súa totalidade, tal e como defende o Bloque, o vial de conexión entre a N-525 o CHUO e Barrocás para desconxestionar e calmar o tráfico rodado na contorna do complexo hospitalario.

A mellora dos servizos sociais centrou tamén unha parte da reunión que mantivo coas asociacións veciñais a líder nacionalista, xunto á deputada Noa Presas e o portavoz municipal, Luís Seara, entre outros representantes do BNG . Sobre esta cuestión, Pontón denunciou as elevadas listas de agarda na atención á dependencia e un Servizo de Axuda no Fogar que está “totalmente colapsado”.

Segundo explicou, a aposta do Bloque é que “a xente poida estar na súa casa ben atendida”, polo que seguirá a reclamar o incremento de fondos que reciben os concellos para o SAF e unha rede pública de coidados “que evite que o dereito a ter unha vellez digna sexa obxecto de especulación para facer negocio”. “O dereito á vellez digna é un dereito e hai que garantilo con servizos públicos”, remachou.

A delegación do Bloque no encontro puxo tamén sobre a mesa as súas propostas para facilitar  o acceso á vivenda, tendo en conta que “a día de hoxe é misión imposible para miles de galegos e galegas, especialmente os máis novos”, apuntou a portavoz nacional, que subliñou ao respecto as principais propostas da alternativa do BNG para Ourense, cidade na que existen 17.000 vivendas baleiras.

Avogou, en concreto, pola posta en marcha dun programa de compra pública para poñer no mercado vivendas en alugueiro “a prezo que poidan pagar as persoas do noso País, os traballadores e as traballadoras, a xente nova e as rendas medias e baixas que neste momento están nunha situación límite”, precisou.