Pontón propón crear unha bolsa pública de vivendas en alugueiro para a mocidade universitaria ante a elevada demanda
Defende incrementar o financiamento das universidades até os 1.200 M€ para corrixir o déficit actual de recursos no sistema universitario galego
Critica a Rueda que recorte na pública mentres lle pon unha alfombra vermella á privada mesmo vulnerando a lei ao autorizar graos xa existentes
A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo que a Xunta poña en marcha en colaboración coas universidades unha bolsa de alugueiro para universitarios e universitarias que lles facilite o acceso “a vivendas dignas” e a prezos “que poidan pagar” para evitar que “ningunha persoa deixe de acceder á universidade por cuestións económicas”.
Nunhas datas nas que a mocidade universitaria fai longas colas diante das inmobiliarias, Pontón advertiu que a vivenda “está lastrando que a xente moza poida ir á universidade”, un problema que considerou “de primeira magnitude” e ante o que o Goberno do PP debe actuar xa, recalcou logo dun encontro coa reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras.
Por iso, e ademais da bolsa pública de alugueiro, a líder nacionalista apostou por incrementar en todos os campus as prazas públicas de residencias universitarias, o que facilitaría a moitos mozos e mozas acceder a unha vivenda na cidade na que cursan os seus estudos universitarios e non ter que irse a outros concellos como está acontecendo xa en Compostela.
“É básico que haxa esa aposta e construír unha residencia pública en cada un dos campus, vai alá media lexislatura e o certo é que non hai nin unha soa nova praza pública de residencias no noso País”, remarcou, ante un problema que xa está creando desigualdades por razóns económicas á hora de acceder á universidade pública.
Logo do seu primeiro encontro con Crujeiras despois da súa toma de posesión como reitora da USC, Pontón recalcou a “aposta firme, decidida e radical” do BNG pola universidade pública, á que considerou unha “peza fundamental” no desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza.
A líder nacionalista avogou neste punto por incrementar o financiamento do sistema universitario público e manifestou a súa preocupación polas ameazas que o están cercando, cun Goberno do PP que “racanea coas universidades públicas cun financiamento insuficiente mentres lle está poñendo unha alfombra vermella á privada”.
Neste sentido, criticou ao titular do Executivo, Alfonso Rueda, que escatime recursos á pública mentres segue alentando ás universidades privadas, mesmo incumprindo a legalidade ao autorizar titulacións que xa existen no sistema universitario público -tal e como fai coa universidade de Abanca, exemplificou-, unha duplicidade de titulacións que a lei non permite e que, en moitas ocasións, as impartidas na privada non se imparten coa calidade e os requisitos homologables á pública.
Neste contexto, preguntou a Rueda se pensa que as familias poden pagar 30.000 ou 40.000 euros só en matricula para estudar. “Cantas familias deste País poderían costear unha universidade privada?”, cuestionou, para subliñar a continuación que esta “non é a maneira de construír un futuro mellor”.
Por iso, contrapuxo ás políticas do PP a aposta decidida do Bloque por reforzar o sistema universitario público, para o que reclamou máis recursos no novo plan de financiamento plurianual.
“Desde o BNG propoñemos que o próximo financiamento faga que as universidades públicas do noso País reciban o 1,5% do PIB, o que suporía arredor de 1.200 millóns de euros, o que nos permitiría fortalecer o noso sistema universitario, a investigación e ofrecer máis e mellores posibilidades desenvolvemento económico e social”, afondou.
A portavoz nacional advertiu que, pese ao discurso propagandístico do Goberno do PP que cifra nun 1% do PIB o actual financiamento, os datos desmenten ese relato e as propias universidades estiman que os recursos que reciben agora mesmo sitúanse, como moito, no 0,75% do PIB.
“Se cremos realmente nunha sociedade do coñecemento e que a universidade é básica no desenvolvemento económico, social e cultural do País, é agora cando hai que facer unha aposta de futuro ambiciosa, sen recortes e determinando que a nosa universidade pública vai a ter recursos suficientes”, sintetizou.
A líder do BNG tamén destacou o papel fundamental que desenvolve o sistema universitario público na investigación como “motor clave” na I+D+i galega, un aspecto no que tamén considerou preciso avanzar con políticas e instrumentos que reforcen e impulsen o importante traballo investigador que se fai desde os campus.
Cuestións todas elas que Pontón trasladou a Crujeiras e que, avanzou, vai defender no Parlamento galego nun momento no que, incidiu, o ataque e o cuestionamento á universidade pública percíbese con claridade cun financiamento insuficiente por parte dun Goberno do PP que, ademais, permítelle á universidade privada que se salte a lei ofertando titulacións que xa existen no sistema universitario público.
“É intolerable e o señor Rueda deberá de explicar á sociedade galega por que racanea á pública mentres lle pon unha alfombra vermella á privada”, concluíu.