Ana Pontón propón axilizar trámites de títulos para captar talento e persoal cualificado na emigración

Ana Miranda, Carlos Bianco (ministro de Gobernación da provincia de Bos Aires) e Ana Pontón

Aportaría profesionais ós sectores económicos que precisan man de obra ademais de fortalecer unha poboación envellecida, alega a líder do BNG

Reunión co ministro de Gobernación de Bos Aires, entre os contactos con forzas políticas progresistas, nun momento de avance da extrema dereita

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón axilizar a tramitación da homologación de títulos académicos dos galegos e galegas da diáspora, porque a día ese proceso pode tardar até dous anos, lastrando a posibilidade de atraer talento e profesionais cualificados que Galiza precisa.

“O que nos está transmitindo a colectividade galega tanto en Uruguai como en Arxentina e que os procesos de homologación de títulos tardan moito tempo limitando o dereito dos galegos e das galegas da diáspora a retornar a Galiza e desenvolver aquí os seus proxectos de vida e de traballo”, explica Pontón tras o seu encontro coa dirección do Colexio Santiago Apostalo de Bos Aires, entidade que desenvolve unha intensa labor de difusión da lingua e cultura galegas entre as novas xeracións.

Pontón advirte que esa lentitude burocrática afecta ás posibilidades de retorno, “pero tamén é un problema para o desenvolvemento económico de Galiza, porque neste momento temos moitos sectores produtivos que buscan mano de obra, ademais de que a chegada das novas xeracións de galegos e galegas da diáspora supón fortalecer unha poboación moi envellecida”.

Somos un País de acollida, indicou a líder do BNG, e a maiores Galiza precisa atraer profesionais para moitos dos sectores produtivos estratéxicos do País, como o mar-industria, o agrogandeiro, construción, automobilístico entre outros. E desde o BNG propoñemos unha Galiza aberta e inclusiva, onde todos os galegos da emigración son benvidos.

A portavoz nacional seguiu nesta viaxe reforzando as relacións do BNG coas forzas progresistas da rexión, neste caso nun encontro co ministro de Gobernación de Bos Aires, a quen trasladou os parabéns polo triunfo do peronista Partido Justicialista, na figura de Alex Kicillof como presidente da Provincia de Bos Aires.

“Nun momento en que a extrema dereita avanza en moitos países de Europa e tamén de América, como é o caso da propia Arxentina, desde o BNG aplaudimos que unha forza progresista lidere o goberno da provincia de Bos Aires e así llo transmitimos”, explicou, tras un encontro no que tamén participou a eurodeputada e responsable de relacións internacionais, Ana Miranda.