municipais 2023

Pontón proclama que Arroxo será un gran alcalde para Lugo tras ter liderado os grandes avances da cidade neste mandato

Acto Lugo
Acto Lugo

“Os feitos din que Lugo é unha cidade mellor, grazas ao traballo do BNG desde o goberno municipal, empoderando ás persoas fronte aos coches”

Rubén Arroxo: “Cumprimos o 90% do noso programa e impulsamos o cambio real nesta cidade”

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da candidatura do BNG en Lugo de cara a cita do 28M, unha lista liderada por Rubén Arroxo, a quen presentou como o próximo alcalde de Lugo, tras ter sido o motor das grandes transformacións levadas a cabo na cidade durante o presente mandato, demostrando que o Bloque ten proxecto para Lugo e equipo para executalo.

“Rubén, tes experiencia, tes solvencia,  tes proxecto de cidade, tes o empuxe e a forza para levalo a cabo, e tes amor por Lugo. Por todo isto sei que vas ser un gran alcalde para Lugo tras o 28 de maio, porque estas preparado para liderar Lugo tras levar a iniciativa política na cidade ao longo de todo o mandato”, proclamou Pontón.

A líder nacionalista indicou que o seu convencemento de que Arroxo recibirá un apoio histórico por parte da veciñanza baséase na forza dos feitos.

Os feitos din que Lugo é unha cidade mellor, grazas ao traballo do BNG desde o goberno municipal, empoderando ás persoas fronte aos coches

“Os feitos dinnos claramente que Lugo é hoxe unha cidade mellor grazas ao enorme traballo de Rubén e de todo o equipo que o acompaña; dinnos que Lugo é unha cidade máis humanizada, onde as persoas ganaron terreo aos coches, recuperando espazos públicos para darlle máis poder á xente; onde os nenos e as nenas van máis seguros aos centros escolares”, argumentou.

Acto Lugo
Acto Lugo

Afondando nos logros, destacou que grazas ao traballo do BNG, “Lugo é agora máis sustentable, máis verde, con máis eficiencia enerxética; con mellores infraestruturas e equipamentos nos barrios, con mellor calidade de vida”. A acción do goberno do Bloque tradúcese nunha urbe con dinamismo cultural, cunha programación plural, diversa, que aposta polo inmenso talento do País e con orgullo da lingua e cultura propias, destacou Pontón.

En definitiva, subliñou na súa intervención,  “o que nos din os feitos é que o BNG da man de Rubén Arroxo foi o auténtico motor de cambio e de transformación da cidade desde o goberno municipal, que o BNG converteu Lugo nunha cidade mellor, empoderando ás persoas fronte aos coches; unha cidade cun urbanismo sustentable, con  máis calidade de vida para a veciñanza”, sintetizou.

Estes logros do traballo da formación nacionalista desde o Executivo local é o que lle leva a Pontón a avanzar que o BNG “terá un resultado histórico en Lugo e que Rubén será o próximo alcalde liderando o Goberno municipal a partir do 28M”.

O BNG foi o motor do cambio nestes catro anos, subliñou, pero o mellor para Lugo está por vir, para construír unha cidade que aproveite todo o seu potencial, con máis dinamismo económico, oportunidades para a xente moza, para seguir ganando espazo público para as persoas, servizos públicos e igualdade.

“Para iso, a mellor alternativa é o proxecto do BNG da man de Rubén Arroxo, liderando un equipo de homes e mulleres con todas as ganas para traballar a favor de Lugo e da súa veciñanza. Sei que ides saír a por todas, sen poñervos límites, con humildade pero coa máxima ambición, para darlle a esta cidade un presente e un futuro mellor liderando o próximo Goberno municipal”, destacou.

Ana Pontón
Ana Pontón

Modelo municipal de éxito

Nese sentido, fixo fincapé no aval que supón o modelo municipal do BNG á hora de pedir o apoio da veciñanza. “Un modelo de éxito, que funciona, como demostramos alí onde gobernamos, un modelo municipal que transforma, que converte as vilas e cidades en referentes de calidade de vida, de xestión, de participación. Lugo empeza a ser un reflexo dese modelo municipal de éxito, e queremos que entre con toda a forza a partir do 28 de maio”, concluíu.

Na súa intervención, Rubén Arroxo destacou que o Bloque “cumpriu co 95% do programa” co que se presentou, “impulsando desde o Goberno municipal o cambio real”, destacando sobre todo “a importante transformación das infraestruturas pensando unha cidade para as persoas”. De feito, destacou a rehabilitación de espazos como A Mosqueira, Quiroga Ballesteros ou as rúas do barrio de Recatelo, incidindo na peonalización de quince rúas e espazos públicos.  Nesta liña, destacou a creación de vieiros escolares e zonas seguras nas contornas educativas, con pasos elevados para peóns e elementos de calmado do tráfico.

Máis calidade de vida nos barrios

Arroxo tamén puxo en valor as melloras nos barrios, “aportando máis calidade de vida a veciñanza”, así como as medidas impulsadas para conseguir unha urbe mais verde coa implantación de iluminación LED en grande parte da cidade, “mellorando  o alumeado e conseguindo aforro enerxético”, explicou.

A aposta polo comercio local foi outra das liñas de traballo, que se plasmou na renovación da praza de abastos e do mercado municipal, promovendo o consumo dos produtos de proximidade, facilitando a xeración de riqueza e emprego.

Rubén Arroxo puxo en valor a política cultural impulsada polo BNG, enchendo de contido creativo espazos como o vello cárcere, o Auditorio Gustavo Freire ou as salas da Rede museística municipal, trasladando a cultura ao espazo público con murais, esculturas e poesía na rúa para facilitar a socialización da cultura. Ao que se suma o éxito do San Froilán e de eventos populares como a cabalgata de Reis ou o apalpador.

A defensa dos servizos públicos e de infraestruturas esenciais para a cidade, como un tren digno a Lugo, foron sinais de identidade do BNG, que tamén defendeu o espazo que rodea o río Rato “contra un invasivo trazado da rolda Leste”, destacou Arroxo, que finalizou poñendo en valor un Lugo “orgulloso” da identidade cultural de Galiza a través de referentes como Castelao, a bandeira, o himno ou a lingua propia do País.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG