Pontón pon o proxecto para crear unha cidade deportiva no Couto como exemplo do “proxecto de futuro” que o BNG ten para Ourense

Ana Pontón e Luís Seara

A proposta permitirá revitalizar o barrio e suporá un impulso económico, social e urbanístico para a cidade das Burgas, alega

Luís Seara defende unha iniciativa “ambiciosa, realista e factible” que permitirá recuperar un espazo degradado e transformar Ourense en positivo

A portavoz nacional, Ana Pontón, sinalou o proxecto de transformación urbana ‘O Couto, cidade deportiva’ presentado hoxe polo BNG como exemplo do “proxecto de futuro” que a formación nacionalista ten para Ourense, unha proposta que permitirá revitalizar o barrio e suporá un impulso económico, social e urbanístico para a cidade.

“Desde o BNG estamos convencidos e convencidas de que hai outro Ourense posible, temos un proxecto de futuro para esta cidade e a cidade deportiva do Couto é un exemplo desa cidade en grande, de futuro, moderna e con benestar social que queremos poñer en marcha”, afirmou na presentación do proxecto xunto ao portavoz municipal, Luís Seara.    

Pontón indicou que a proposta “é moito máis que reformar un estadio de fútbol”, dado que o seu obxectivo é “revitalizar o barrio, construír cidade e facer avanzar a Ourense”. “Estamos 77 anos despois da construción do estadio do Couto e non é momento de poñer un parche, senón de poñer en marcha unha cidade deportiva do século XXI”, sintetizou.

Un complexo deportivo, alegou, que sexa “referente en Galiza”, cun deseño sostible e multifuncional no que se contemplan aspectos como a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a seguridade e servizos para a cidadanía, e que permita albergar actividades moi diversas e dar resposta ás necesidades que ten a cidadanía.

“Este proxecto é moito máis que unha cidade deportiva, trátase dunha oportunidade para revitalizar unha parte esencial da cidade, trátase de pagar unha débeda cun dos barrios máis importantes e desatendidos de Ourense”, incidiu.

A líder nacionalista subliñou que esta proposta transformadora permitiría darlle tamén un impulso económico á cidade, non só polos postos de traballo xerados coa súa construción, senón porque os seus equipamentos permitiría atraer todo tipo de competicións e actividades deportivas, o que sempre xera actividade económica, especialmente en sectores como a hostalería, o comercio ou os servizos.    

“Polo tanto, estamos falando de novas dinámicas para un barrio que necesita un maior dinamismo económico e social e tamén da proxección exterior da cidade”, afirmou, para reivindicar a continuación tamén o “valor social esencial” dun proxecto que non se limita ao deporte profesional, senón que se abre ao conxunto da veciñanza e das entidades deportivas da cidade. O obxectivo, afondou, é promover unha maior cohesión social en base a unha cuestión que considerou básica, “promover hábitos de vida saudables” con instalacións propias do actual século.   

Así mesmo, Pontón destacou o indubidable “impacto urbanístico positivo” da proposta, dado que permite modernizar toda a contorna do barrio, mellorar a súa accesibilidade e, en definitiva, transformar O Couto e a cidade. “Se o BNG ten responsabilidades na Alcaldía de Ourense, este será un proxecto prioritario para nós”, confirmou a preguntas dos medios. 

“No BNG temos moi claro que Ourense necesita ambición, necesita proxectos que pensen en grande esta cidade e iso é precisamente o que hoxe facemos con este proxecto, co que o BNG demostra que está pensando no futuro da cidade”, recalcou, para concluír que o obxectivo co que traballa a organización nacionalista é precisamente ese, “traballar en positivo por e para Ourense”.

Neste sentido, e a preguntas dos xornalistas, a portavoz nacional referiuse ás próximas eleccións municipais como “unha oportunidade” para que dentro dun ano a cidade “teña un novo tempo político” da man dun BNG que está traballando para que, se ten a responsabilidade de chegar ao goberno local, poder recuperar o tempo perdido destes últimos anos con proxectos como o da cidade deportiva do Couto e outros.

“Ourense necesita un novo horizonte de esperanza e o Bloque quere ser esa esperanza que lle devolva orgullo á cidade e, sobre todo, o pulso, para deixar atrás estes anos perdidos tanto de gobernos de Jácome como do Partido Popular que deixaron a cidade nunha situación moi difícil”, concluíu.

Pola súa parte, Luís Seara explicou que o proxecto da cidade deportiva do Couto facilita resposta a varias necesidades de maneira conxunta. Por unha banda, permite ter unhas instalacións deportivas do século XXI, modernas e funcionais e, por outra, mellora a mobilidade no barrio -o máis populoso despois do da Ponte- e recupera e humaniza un espazo da cidade hoxe abandonado e degradado. 

“Non nos conformamos con máis remendos, é o momento de apostar por Ourense”, remarcou, para recordar que o actual estadio quedou obsoleto, incómodo, nada accesible e escasamente funcional. “Nós consideramos que o estadio ten que quedar no Couto porque non se entende o barrio sen o estadio, nin o estadio se entendería noutro espazo que non fora O Couto”, incidiu.

Seara afirmou que a proposta do Bloque é “ambiciosa, realista e factible”, xa que ten encaixe urbanístico e para levala a cabo o único que precisa é impulso político. “Que a nosa portavoz nacional estea hoxe aquí responde ao compromiso que o BNG adquire con Ourense no caso de ter a responsabilidade de gobernar na Xunta”, subliñou.

Ademais, aclarou que tamén é asumible desde o punto de vista económico xa que o custe sería de entre 20 e 25 millóns de euros, que contaría co cofinanciamento doutras administracións, entre elas, Xunta e Estado.

O portavoz municipal repasou algúns dos principais aspectos do proxecto, entre os que destacou que do actual estadio manteríase unicamente a Tribuna, por tratarse dun elemento simbólico que representa a transición entre pasado e futuro. “É o tributo que o BNG lle rende á CD Ourense e ao seu legado”, explicou, logo de indicar que a cidade deportiva incluirá ademais do campo de fútbol, un complexo multiusos, pistas polideportivas e ximnasio.

Segundo detallou, detrás da actual grada de fondo, nos terreos colindantes, é onde se localizaría o novo estadio, o que permitiría dotar ao Couto de aparcadoiros disuasorios os días que non xogue ningún equipo e crear un novo acceso de entrada ao barrio, desde a N-525 a través da prolongación da rúa Francisco de Moure.

En definitiva, resumiu, a urbanización e, sobre todo, a humanización dunha zona altamente degradada da cidade, revalorizando toda a contorna e renaturalizando o barrio con amplos espazos verdes e arbolados. “Este é o noso compromiso co Couto, para facer un mellor barrio e un mellor concello”, concluíu.