Pontón pídelle a Rueda que rectifique e integre os menores migrantes no sistema de protección á infancia “sen discriminación, nin estigmas, nin guetos”

Visita Ana Pontón edificio Prodeme Monforte

Reclámalle que deixe de copiar o discurso ultra de Ayuso utilizando a nenas e nenos indefensos para practicar a súa política da confrontación

“Son menores que escapan da miseria e da violencia e o que necesitan é a nosa acollida, a nosa axuda e a nosa solidariedade”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediulle ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que rectifique, “non copie o discurso ultra e de odio” da presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e preste aos menores migrantes a atención que precisan dentro do sistema integral de protección á infancia e de acollemento de menores “sen estigmatizalos” e sen crear “ningún tipo de discriminación, ningún tipo de exclusión e ningún tipo de gueto”.

“Son nenos e nenas que están fuxindo de situacións realmente miserables, que en moitas circunstancias están fuxindo de guerras e o que necesitan é a nosa acollida, a nosa axuda e a nosa solidariedade”, recalcou logo de visitar en Monforte de Lemos o edificio da asociación PRODEME que foi atacado tralo anuncio por parte da Xunta de que albergará un centro específico de acollida para menores migrantes.

“O que lle pedimos desde o BNG ao señor Rueda é que rectifique, que non nos traia aquí o discurso da crispación e do odio que está facendo a señora Ayuso e que garanta a acollida destes nenos e nenas dentro do sistema integral de acollemento de menores”, incidiu logo de mostrar a solidariedade do BNG con PRODEME e reafirmar a súa condena ante un “ataque á convivencia” que “non se pode tolerar baixo ningunha circunstancia” e que “non representa á sociedade galega”.

Pontón dixo agardar a pronta detención das persoas que cometeron uns “feitos tan graves” que “non poden quedar impunes”, uns feitos que, advertiu, tamén son consecuencia da “actuación irresponsable” dun Goberno do PP que “empezou unha campaña e un discurso de intolerancia, inhumanidade e mentiras” desde o primeiro minuto que se anunciou o acollemento de 317 menores migrantes en Galiza.

Neste sentido, a líder nacionalista cualificou de “moi grave” que o Executivo de Rueda utilizase nun tema coma este “a mentira” para espallar un discurso que esconde “o seu afán de confrontación e de crispación co Goberno central”, a comezar por dicir que estes nenos e nenas chegarían de golpe, cando a chegada vai ser gradual e, a día de hoxe, só hai 15 expedientes recibidos pola Xunta.

Pero tamén mentiu cando dixo que non había información, cando a realidade é que “houbo conferencias sectoriais e o Goberno da Xunta decidiu boicotealas e non acudir”, ou cando  responsabilizou aos menores migrantes do colapso do sistema de acollida de menores, cando o sistema estaba colapasado por responsabilidade dun Executivo que ao longo destes anos “non ten investido o que se necesitaba”.

“O que ten que facer o señor Rueda é traballar para defender os dereitos da infancia porque o que leva feito nestes 16 anos é desprotexer aos menores”, afirmou para evidenciar con datos a falta de medios do sistema.

Nesta liña, recordou que o Goberno do PP non construíu nin un só centro de menores, de aí que só haxa catro centros públicos en toda Galiza. En segundo lugar, advertiu que a maior parte das prazas que hai no País están privatizadas e, por último, denunciou que as familias de acollida “están caendo en picado” pola falta de apoio que precisa esta parte central do sistema. 

Polo tanto, Pontón subliñou que os menores migrantes non poden formar parte da “política da confrontación e da crispación” porque xa bastante sufrimento padecen ao ter que fuxir dos seus lugares de orixe, sen as súas familias, e estar nun país que non é o seu.

“E o que non podemos é estigmatizalos, nin aplicar ningún tipo de gueto”, recalcou, para lembrar a continuación que fora a propia conselleira de Política Social a que anunciou a creación dun centro específico para estes nenos e nenas. Polo tanto, “quen dixo que ía crear un gueto foi o Goberno de Rueda”, incidiu.

Por iso, a portavoz nacional volveu instar ao titular da Xunta a “rectificar” e integrar a estes menores “non en guetos”, senón “no sistema ordinario” de protección á infancia. “Pedímoslles que rectifique, que teñan humanidade e que protexan algo que é fundamental, que é o interese superior dos menores, porque non podemos esquecer que estamos falando de persoas que necesitan a nosa acollida”, concluíu.