Pontón pídelle a Rueda que non discrimine os concellos que non son da súa corda e garanta recursos para os servizos esenciais

Ana Pontón encontro delegación Fegamp

Reclámalle que non repita en 2026 o orzamento “clientelista e cutre” de tódolos anos en materia de financiamento municipal

Propón subir de 12 a 20 euros/hora o financiamento do SAF, aumentar os fondos destinados aos municipios e garantir a súa distribución con “criterios obxectivos, preestablecidos e igualitarios”

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamoulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que non repita en 2026 o orzamento “clientelista e cutre” de tódolos anos en materia de financiamento municipal e que, polo tanto, “non discrimine aos concellos que non son da súa corda política” e garanta os recursos necesarios para servizos esenciais como o SAF.

Pontón mantivo un encontro cunha delegación da Fegamp, encabezada polo seu presidente, Alberto Varela, para abordar as peticións da entidade municipalista de cara ao orzamento da Xunta do próximo exercicio, unhas contas nas que dixo ver “como se repiten os vellos problemas que veñen sufrindo os concellos deste País, que non atopan solucións por parte da Xunta”.

Por iso, dirixiuse directamente a Rueda para pedirlle que non repita en 2026 uns “orzamentos clientelistas nos que o Partido Popular discrimina aos concellos que non son da súa corda política”, tal e como reflicten as contas do actual exercicio 2025, nas que dos 627 millóns de euros destinados aos municipios, tan só “unha mínima parte”, en concreto 118 millóns, se distribuíu de maneira obxectiva e con criterios establecidos previamente.

Un “exemplo dramático”, remarcou, é o do SAF, un servizo básico para as persoas usuarias e as súas familias que “está totalmente colapsado e infrafinanciado” por parte do Goberno do PP. “Un servizo que os concellos teñen que asumir pese a non ter as competencias nesta materia e, por riba, sen que a Xunta, non só non aporte os fondos necesarios para o seu financiamento, senón que, pola contra, recortou este verán en 17 millóns de euros”, denunciou.

A portavoz nacional advertiu da “realidade durísima” que teñen que soportar case todos os municipios, mentres o Goberno de Rueda, na vez de aportar fondos, “o que fai é recortar”, a pesar de que, hoxe en día, “unha persoa maior ten que espera a que morra outra para poder acceder ao servizo”, recalcou.

Neste contexto, Pontón avanzou que o BNG asume como propia a demanda trasladada pola Fegamp para incrementar o financiamento municipal e, de cara aos orzamentos do ano que vén, detallou algunhas das propostas da organización nacionalista, a comezar por “aumentar de inmediato” de 12 a 20 euros a hora o financiamento da Xunta ao SAF.

“É urxente preservar o coidado das persoas maiores, polo que lle pedimos ao señor Rueda que rectifique e apoie esta proposta do BNG que, ademais, comparten todos os concellos deste País, sexa cal sexa a súa cor política”, reclamou.

En segundo lugar, pediu ao titular do Executivo que acabe co reparto clientelar do orzamento destinado aos municipios, de tal xeito que “o 100% destes recursos se distribúan con criterios obxectivos, preestablecidos e igualitarios”.

“Para o Goberno do Partido Popular, hai concellos de primeira e concellos de segunda e isto ten que acabar porque todos os veciños e veciñas merecen o mesmo trato, vivan onde vivan e voten o que voten”, incidiu.

Por último, defendeu o incremento dos fondos destinados aos concellos, xa que “están infrafinanciados”, pese a ser a administración máis próxima á veciñanza e pese a que “cada día prestan máis e máis servizos”.

Neste sentido, e a preguntas dos medios, criticou que o PP deixe ano tras ano orzamentos destinados os municipios sen executar e logo compute estes fondos ao seguinte exercicio e advertiu que  “o máis grave” é que o Fondo Básico de Cooperación, que é o que garante o financiamento dunha parte dos concellos, leve 15 anos “conxelado”. 

Por iso, Pontón defendeu as propostas que o BNG trasladará ao debate orzamentario para incrementar o financiamento municipal a través deste Fondo Básico de Cooperación e garantir o acceso igualitario a estes recursos con criterios predefinidos e equitativos, xa que “é unha cuestión de xustiza”, dado que agora, as entidades locais “non teñen o trato que merecen” por parte do Executivo do PP.  

“Hai que acabar con este infrafinanciamento e co clientelismo no reparto dos fondos por parte da Xunta porque iso vai en contra dos principios que operan nun sistema democrático e en contra de que os veciños e veciñas, vivan no concello que vivan, teñan os mesmos recursos”, concluíu.