Pontón pídelle a Rueda que deixe de traballar en contra do galego e o faga a favor da maioría social que quere a súa lingua

Ana Pontón na manifestación de Queremos Galego

Reclama ao PP que aplique o Plan de Normalización Lingüística, o gran acordo sobre o idioma, e consensúe orzamentos e prazos para desenvolvelo

“Debe modificarse de inmediato ese decreto da vergoña que provoca que a xeración educada baixo o mesmo sexa a que menos galego fala da historia”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediulle ao Goberno de Alfonso Rueda que deixe de traballar en contra da lingua e se poña a favor da maioría social que quere a súa lingua deixando atrás as políticas que desenvolveu durante 16 anos e que situou o idioma galego nunha situación de emerxencia lingüística.

“Hai un inmenso amor pola nosa lingua, hai condicións para poder reverter esta situación crítica e o único que se necesita é que o Goberno do señor Rueda deixe de traballar en contra da lingua e se poña a favor da maioría, da lingua propia de Galiza”, reclamou Pontón, quen encabezou a delegación do BNG que participou na mobilización convocada pola plataforma Queremos Galego baixo o lema ‘Lingua Vital Xa!’, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.

Manifestación Queremos Galego 2025

A líder nacionalista subliñou a necesidade de poñer en marcha “unha nova etapa” na que se “apliquen os consensos” que xa existen no País sobre o galego. “En Galiza houbo un gran acordo en torno á lingua que é o Plan Xeral de Normalización Lingüística e o único que se necesita é que pactemos como se aplica ese plan, con que orzamentos e en que prazos”, recalcou ante unha cuestión que cualificou de prioritaria.

De igual xeito, a portavoz do BNG considerou evidente a urxencia de modificar “de inmediato” o decreto da vergoña, o denominado decreto de plurilingüismo, que está provocando, advertiu, que “a xeración educada baixo o mesmo sexa a xeración que menos galego fala da historia”.

Manifestación Queremos Galego 2025

Neste sentido, recordou que a emerxencia lingüística na que nos atopamos está definida polos datos oficiais da propia Xunta, que revelou que un de cada tres mozos ou mozas di que non sabe falar en galego ou que non sabe falalo case nada, que o 54% afirma que non o fala nunca e que só o 7% fala galego de maneira habitual, a metade do que o facía hai catro anos.

“Se seguimos nesta progresión, o resultado podería ser dramático porque o galego podería converterse en absolutamente residual entre as xeracións máis novas”, alertou logo de recordar que estas son as consecuencias de 16 anos de políticas de “acoso e derribo” contra o idioma dun goberno do PP “acomplexado e que está traballando en contra da lingua propia de Galiza”.

Faixa de Queremos Galego

Pese á emerxencia lingüística, Pontón mostrou o seu convencemento de que aínda hai tempo para reverter a situación. “Estamos nun punto no que podemos darlle a volta a esta situación”, afirmou, para indicar a continuación que, se ao PP lle preocupa realmente o galego, este 17 de maio pode “converterse nun punto de inflexión” para “deixar atrás as políticas en contra do galego” e abrir un tempo novo para a lingua. “Un tempo novo que nos garante que esa lingua que herdamos dos nosos avós e das nosas avoas siga sendo a lingua das nosas fillas e das nosas netas”, sintetizou.

A líder nacionalista puxo en valor o orgullo que sente a cidadanía por ter un idioma propio e recordou que o galego é un dos elementos fundamentais da nosa identidade e a lingua que máis une aos galegos e ás galegas. “É a lingua que une a este País e tamén sabemos que hai unha inmensa maioría que sabe que é fundamental que a nosa lingua siga tendo futuro”, incidiu.

Faixa de Queremos Galego

Por iso, apostou por que todo o orgullo que sente a cidadanía este 17 de maio reivindicado en todas as cantareiras da música tradicional “siga sendo a base sobre a que construír o futuro”, dado que os pobos que defende a súa identidade, a súa cultura e a súa tradición son os pobos máis avanzados.

“Polo tanto, pedímoslle ao Partido Popular e ao señor Rueda que deixe de estar en contra do galego, que deixe de traballar en contra da lingua propia deste País e que abramos un tempo novo que garante mil primaveras máis para a nosa lingua”, concluíu.