Pontón pide a Rueda que escoite os miles de cidadáns fartos do colapso das urxencias e das esperas na Atención Primaria
Denuncia o desmantelamento do sistema público para favorecer a privada: “O Goberno do PP é unha ameaza para a saúde das galegas e dos galegos”
Critica o recorte de 1.650 M€ en Atención Primaria, mentres a derivación de cartos á privada acada a cifra récord de 341 M€
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediulle a Rueda que escoite o clamor social dos miles de cidadáns e cidadás que están fartas dos colapsos nas urxencias e das listas de espera na Atención Primaria derivados de 17 anos de recortes e de privatizacións do PP que están deteriorando o noso sistema sanitario. “Hoxe aquí hai unha cidadanía que está dicindo alto e claro que a súa saúde non é un negocio”, proclamou.
“Pídolle a Rueda que rectifique, que escoite a cidadanía deste País, farta dos colapsos nas urxencias e na Atención Primaria, farta de que se xogue coa súa saúde”, manifestou antes de participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública este domingo en Compostela co lema ‘Mobilízate para defender o teu dereito a saúde’.
A líder BNG denunciou o desmantelamento do sistema público para favorecer á privada por parte do Goberno de Rueda e acusouno de ser unha ameaza para a saúde das galegas e dos galegos. “Cando tes centos de persoas esperando durante horas ou días nos corredores dun hospital, cando tes listas de espera de case un mes para ir ao médico de cabeceira ou cando tes 11.000 nenos e nenas sen pediatra ou 360.000 persoas en listas de espera hospitalaria, están poñendo en risco a saúde da xente deste País”, aseverou.
Argumentou a continuación que isto non pasa “por casualidade”, nin é “só incompetencia”, senón que se trata da “ideoloxía do PP”, que consiste en “desmantelar o público para beneficiar o negocio da sanidade privada”. E faino “recortando 1.650 M€ en Atención Primaria, mentres a derivación de cartos á privada acada a cifra récord de 341 M€”, criticou. Neste punto quixo subliñar que “a sanidade privada non é unha ONG”, senón empresas que queren facer negocio, como –exemplificou–, Ribera Salud e as súas instrucións para gañar máis cartos, a mesma multinacional que controla a saúde de 120.000 persoas na área sanitaria de Vigo”.
“O que ueremos é que o noso sistema sanitario público funcione, onde ao entrar teñas que presentar a túa tarxeta sanitaria e non a tarxeta bancaria”. Asegurou que “un goberno responsable escoitaría a xente, pero que está claro que o PP “prefire seguir engordando a conta de resultados dos Quirón ou de Ribera Salud antes que poñer por diante os galegos e as galegas”, concluíu.