Pontón pide a Rueda que deixe de traizoar a Galiza, rectifique e acepte a condonación da débeda negociada polo BNG

Ana Pontón

Acusa ao titular do Executivo de facerlle perder 4.000 M€ aos galegos e ás galegas por actuar como delegado de Feijóo en Galiza, na vez de como presidente 

“Cando ten que escoller entre os intereses de Galiza e os do Partido Popular, Rueda sempre escolle o Partido Popular”, denuncia

Propón que a Xunta reclame as competencias aeroportuarias e articule un plan para darlle futuro aos aeroportos galegos logo da decisión de Ryanair

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que rectifique, deixe de traizoar a Galiza e acepte a condonación da débeda negociada polo BNG no acordo de investidura co Partido Socialista.

“Desde o BNG pedimos unha rectificación porque o que non podemos permitir é que, mentres outras comunidades van ter unha redución da súa débeda, Galiza perda 4.000 millóns de euros, única e exclusivamente porque o señor Rueda, na vez de actuar como presidente de Galiza, actúa como delegado de Feijóo en Galiza”, reclamou dende a comarca de Valdeorras, a onde se desprazou para visitar algunhas das zonas danadas e avaliar o impacto da última vaga de lumes e onde mantivo un encontro con diferentes sectores afectados.

Pontón considerou “incualificable” que o titular do Executivo continúe negándose a aceptar unha quita 4.000 millóns que significaría “ter máis recursos para poder atender as necesidades sociais e de recuperación dos lumes”.

“É evidente que se nos reducen nun 33% a nosa débeda, imos ter máis recursos dispoñibles para a vivenda, a sanidade, a educación ou para facerlle fronte ás consecuencias do despoboamento do noso medio rural”, afondou, para indicar a continuación que é o propio Rueda o que lle ten que explicar aos galegos e ás galegas a razón desta renuncia. 

A líder nacionalista indicou que o máis grave é que o presidente da Xunta “non toma esta decisión pensando en Galiza, senón obedecendo as ordes que lle manda o Partido Popular desde Madrid”. “O señor Rueda está traizoando a Galiza cando non acepta esta quita da débeda e faino porque cando ten que escoller entre os intereses de Galiza e os do PP, sempre escolle o Partido Popular”, remarcou.

Nesta liña, asegurou que Galiza “non ten por que soportar esta traizón nin a un presidente que está demostrando que é o presidente máis desleal da historia”, polo que avanzou que o BNG vai seguir denunciando esta situación. “Non pode facernos perder miles de millóns de euros, única e exclusivamente porque prefire ser o recadeiro de Feijóo antes que o presidente dos galegos e das galegas”, concluíu.

Ryanair: a Xunta debe reclamar as competencias aeroportuarias

Por outra parte, e en relación á decisión de Ryanair de suspender parte das súas liñas no País, Pontón considerou evidente que o funcionamento dos aeroportos galegos “non pode estar condicionado polo que decida unha empresa”. “O único que nos está indicando isto é a debilidade que temos a respecto das nosas conexións e a falta de liderado por parte da Xunta á hora de darlle funcionalidade e operatividade aos nosos aeroportos”, sintetizou.

Por iso, considerou que “é a hora” de que a Xunta asuma as súas responsabilidades neste ámbito de actuación e solicite as competencias en materia aeroportuaria para poder deseñar realmente un sistema propio desde o País.

Neste sentido, advertiu que “o que non vale de nada” é seguir deixando o funcionamento dos aeroportos galegos a “políticas centralistas” que son discriminatorias con Galiza e moito menos que dependan “única e exclusivamente do que decida caprichosamente unha empresa á que só lle interesa a súa conta de resultados”, subliñou.

“Cremos que a Xunta ten que dar un paso adiante, debe de poñer sobre a mesa un plan para darlle futuro aos nosos aeroportos e tamén debe de reclamar as competencias nesta materia porque é evidente que, con esta xestión desde Madrid, aos galegos e ás galegas non nos vai ben”, concluíu.