Pontón pide a Rueda que deixe de enganar á cidadanía de Moaña e lle devolva un PAC imprescindible para atender a 20.000 persoas
Denuncia que “ter unha ambulancia non significa ter un PAC” e avanza que o BNG seguirá ao lado da cidadanía para recuperar o servizo
Propón reforzar atención primaria e PACs nas zonas turísticas no verán e manter todos os recursos operativos para non pechar camas e servizos
A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que deixe de enganar á cidadanía de Moaña e lle devolva o servizo de urxencias que o concello tiña antes da pandemia e que considerou imprescindible para atender a unha poboación de 20.000 habitantes.
“Pídolle ao señor Rueda que deixe de enganar aos veciños e veciñas porque ter unha ambulancia non significa ter un PAC”, reclamou logo de manter xunto á alcaldesa, Leticia Santos, un encontro con representantes da Plataforma da Sanidade de Moaña.
Pontón cualificou de “insólita” a situación que se está a vivir neste concello, onde entra en funcionamento un novo centro de saúde sen que se restableza o PAC comprometido e que o municipio tiña antes da pandemia, o que demostra como o Goberno do PP está debilitando a sanidade pública, na vez de reforzala.
“Pídolle a Rueda que non responda nin con mentiras, nin con prepotencia, ante a dignidade que está demostrando a veciñanza de Moaña que leva 240 semanas reclamando que se devolvan as urxencias”, reclamou ao titular da Xunta, logo de lembrar que son nada menos que “240 semanas de dignidade” nas que o BNG acompaña aos veciños e veciñas “fronte a un Partido Popular que o único que fai é responder con prepotencia e con mentiras”.
A líder nacionalista reclamou ao Goberno do PP que escoite e responda á demanda que lle fai a cidadanía de Moaña, que é “ter os mesmos servizos que tiña antes da pandemia” e, polo tanto, recuperar un PAC que considerou indispensable para atender a unha poboación de 20.000 habitantes nunha zona na que, ademais, xa existen problemas graves na atención sanitaria. Un colapso, sobre todo na atención primaria, que fai aínda máis inconcibible que non se restableza o PAC.
“Se o señor Rueda e o Partido Popular pensan que imos tirar a toalla, equivócanse; imos seguir defendendo o PAC de Moaña nas rúas e tamén nas institucións”, subliñou, para avanzar a continuación que o BNG vai levar este tema ao Pleno do Parlamento desta mesma semana.
Pontón incidiu en que o Bloque non vai parar até que “os veciños e veciñas de Moaña teñan o que lles corresponde, un PAC que lles permita ter unha atención o máis próxima posible, máis tendo en conta que se trata dun concello con moita poboación que ademais se ve multiplicada durante o verán. “Esta é unha cuestión de xustiza que desde o BNG imos acompañar”, sintetizou.
A líder nacionalista advertiu que este non é só un problema de Moaña, senón que se estende a outros puntos do País e denunciou que o que está pasando na sanidade pública “responde ao deseño e á ideoloxía” dun PP que “leva anos recortando na pública para beneficiar á privada” porque así é concibe a saúde, “como un negocio para uns poucos”.
Neste contexto, propuxo reforzar a sanidade pública, tanto os servizos ordinarios de atención primaria como os PACs durante o verán nas zonas turísticas, onde a poboación se multiplica coa chegada da época estival.
Fronte a un Goberno do PP que fai xusto o contrario, “pechar camas e recortar servizos”, Pontón defendeu a urxencia de reforzar a atención sanitaria e apostou por “manter operativos todos os servizos, tanto de camas como de probas diagnósticas”.
“O que ten que facer a Xunta é contratar máis persoal e no pechar camas e servizos como está facendo neste momento porque xa temos unhas listas de espera moi avultadas e o que fan, verán tras verán, é incrementalas”, denunciou.
A líder nacionalista apostou tamén por poñer en marcha un plan de captación de profesionais con condicións dignas que acabe coa precariedade no ámbito sanitario, unha medida que, subliñou, permitiría que se recuperaran moitos servizos perdidos.
“O que necesita a nosa atención primaria non son anuncios e propaganda, o que necesita son máis profesionais, máis médicos e médicas, máis persoal de enfermería, máis pediatras, e iso é o que ten que facer o Partido Popular”, reclamou.
Neste sentido, tamén urxiu o incremento dos recursos destinados ao sistema sanitario público, a comezar por recuperar os 1.640 millóns de euros que o PP “recortou na atención primaria nestes 17 anos de goberno”, recalcou.
“Desde o BNG imos seguir defendendo a sanidade pública, tamén en Moaña, e non imos permitir ao Partido Popular que xogue co máis importante, que é a saúde dos galegos e das galegas”, concluíu.
Pola súa parte, Leticia Santos recordou que o PAC de Moaña fora trasladado a Cangas coa escusa da pandemia e nunca foi devolto xa que, segundo argumentaba o Sergas, co novo centro de saúde que entra en funcionamento xa se ía incorporar este servizo, algo que non acontece, pese a que o convenio asinado no seu día para a cesión da parcela do Concello ao Sergas inclúe explicitamente que Moaña ten que ter o PAC no novo centro.
“O centro de saúde entra en funcionamento sen PAC, sen urxencias á nosa veciñanza, que a partir das dez da noite ten o centro pechado e só é atendida en horario diurno e de luns a venres”, denunciou a alcaldesa, quen advertiu que, de enfermar en calquera outro momento do día, os veciños e veciñas de Moaña téñense que trasladar a Cangas, curiosamente, a que “o persoal contratado para o PAC de Moaña as atenda en Cangas” porque o Punto de Atención Continuada moañés está recoñecido e segue figurando na estrutura do Sergas.
Santos recalcou ademais que isto acentúa o colapso sanitario de Cangas, dado que o seu centro de saúde non está preparado para asumir a poboación de dous concellos, menos durante o verán, onde a poboación chega case a duplicarse.
A rexedora denunciou a “campaña” que está desenvolvendo o Goberno do PP para “tratar de confundir á veciñanza”, argumentando que contará cunha ambulancia 24 horas. “Unha ambulancia non é un PAC, todo o mundo o sabe, o PAC é un Punto de Atención Continuada que ten que estar 24 horas en servizo todos os días do ano”, afondou, para concluír que o que pide o concello é que a súa unidade de PAC, que agora está en Cangas, “lla devolvan á veciñanza de Moaña, nin máis nin menos”.