Pontón pide a Rueda que cumpra a súa palabra e aporte os fondos pendentes para rehabilitar a Fonte de Troncoso de Mondariz-Balneario
Avanza que o BNG presentará unha iniciativa no Parlamento para que a Xunta achegue o investimento comprometido para este ben arquitectónico e termal
Destaca o exemplo de hospitalidade e compromiso humano do concello pola acollida de inmigrantes, nun momento no que medra o discurso xenófobo
A portavoz nacional, Ana Pontón, lanzou unha “chamada de atención” respecto da situación na que se atopa a Fonte de Troncoso de Mondariz-Balneario, un ben patrimonial do que dixo “se atopa en perigo”, polo que pediu ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que cumpra a súa palabra e achegue os fondos comprometidos dende o Goberno galego para acometer a súa rehabilitación.
Diante da propia Fonte do Troncoso, á que se desprazou co alcalde, César Gil, logo do encontro que mantiveron para abordar as principais prioridades do concello, Pontón recordou que en 2020 a Xunta comprometeu un investimento de medio millón de euros para facerse cargo deste ben, o único do arquitecto e urbanista Antonio Palacios que se atopa “nesta situación de risco”.
“Estamos en 2025 e o que comprobamos é como o goberno da Xunta esqueceu as súas promesas, os seus compromisos”, denunciou, para apuntar ao Goberno do PP como responsable do deterioro no que se atopa un ben do que destacou non só o seu valor arquitectónico, senón tamén a súa importancia dende o punto de vista da dinamización económica para esta zona do País, dado que se trata dunha fonte con augas que teñen propiedades minerais.
Pontón avanzou que o BNG levará ao Parlamento unha iniciativa para reclamar á Xunta que asuma o seu compromiso porque, recalcou, foi “o propio Rueda a través do seu conselleiro de Cultura” o que anunciou a rehabilitación do espazo da Fonte do Troncoso. “É o momento de cumprir coa veciñanza, o que non pode permitirse é que vaian pasando anos e que se siga deteriorando un ben da importancia que ten esta fonte sen que a Xunta cumpra as súas promesas”, reclamou.
A portavoz nacional, que agradeceu a recepción do alcalde e do seu equipo, felicitou tanto ao Concello como á veciñanza de Mondariz-Balneario polo “exemplo” que deron ao longo dos últimos meses en relación á acollida de poboación inmigrante.
“Creo que é un exemplo de humanidade e un exemplo de bo trato e, ademais, un espello no que podemos vernos reflectidas, de como desde a solidariedade podemos construír un país moito mellor”, destacou deste exemplo de hospitalidade que se dá ademais nun momento no que hai “discursos de odio e xenofobia en parte alentados pola extrema dereita, pero tamén pola dereita cada vez máis extrema”.
Por iso, recalcou como Mondariz-Balneario demostra que “se poden facer as cousas ben”, sendo un “pobo hospitalario” que acolle a aquelas persoas que están pasando por momentos de dificultade. “Ese é espello no que mirarnos, un espello de humanidade e de solidariedade entre as persoas que nos parece fundamental nun momento coma este”, sintetizou.
Críticas ao PP por manobrar contra o galego na UE
Por outra banda, a líder nacionalista referiuse á votación que terá lugar hoxe para que o galego sexa lingua oficial na Unión Europea e lamentou que o PP, “en vez de arrimar o ombro e traballar a favor do galego”, intente “poñer pedras no camiño” con manobras con outros Estados para que voten en contra deste recoñecemento, tal e como se coñeceu onte, indicou.
Manobras das que considerou “máximo responsable” ao expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coa “complicidade e o apoio” do actual titular do Goberno galego, Alfonso Rueda. “Vemos ao tándem Rueda-Feijóo, unha vez máis, traballando en contra do galego”, resumiu.
“Non sabemos por que ao Partido Popular, por que ao señor Feijóo e ao señor Rueda lles molesta que a nosa lingua poida ser plenamente oficial na Unión Europea como é neste caso tamén o castelán”, cuestionou a líder nacionalista, quen cualificou de “vergoñento, triste e lamentable” ver tanto ao expresidente como ao actual presidente da Xunta “traballando en contra da lingua galega e manobrando para que non poida ter ese recoñecemento de plena oficialidade”.
Ante un Rueda que dixo non considerar prioritario este recoñecemento, Pontón respondeulle parafraseando a Castelao: “A necesidade de falar galego non se sente no bandullo, séntese no corazón dos galegos e das galegas que amamos a nosa lingua, que herdamos con orgullo este idioma dos nosos avós e das nosas avoas e que queremos tamén que siga sendo a lingua das nosas fillas e das nosas netas”, recalcou.
A portavoz nacional considerou “gravísimo” que o presidente da Xunta estea traballando en contra do recoñecemento oficial do galego na UE e que o estea facendo ademais “con ostentación”, cando esta consideración sería un respaldo moi importante para a lingua do País e unha ferramenta para garantir o seu futuro entre as futuras xeracións.
Pontón recordou que o BNG xa rexistrou no Parlamento unha iniciativa para pedir a reprobación do PP por traballar en contra deste recoñecemento e avanzou que a formación nacionalista vai seguir facendo todo o que estea na súa man para acabar cunha situación que “non deixa de ser unha discriminación”, xa que se trata do recoñecemento oficial dun idioma que existe na Unión Europea onde, recalcou, “non pode haber linguas de primeira e linguas de segunda”.
Polo tanto, concluíu, o recoñecemento como lingua oficial suporía “non só un elemento de orgullo para todos e todas as galegas, senón tamén máis posibilidades, máis recursos e máis medios para que a lingua galega estea no mundo con total normalidade”.