Pontón pide a Rueda que antepoña os intereses das galegas e dos galegos aos do PP e defenda darlle a Galiza a chave dos seus cartos

Ana Pontón en Aguiño (Ribeira)

Reclámalle que exerza como presidente da Xunta e negocie un novo modelo de financiamento que deixe atrás o actual, prexudicial para o País

Galiza non pode ser a única nación histórica que quede atrás á hora de obter máis recursos para mellorar a sanidade, a educación ou a dependencia, advirte

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou a Alfonso Rueda que “deixe de defender os intereses e o guión que lle mandan dende o Partido Popular de Madrid” e “empece a exercer como presidente dos galegos e das galegas” reclamando unha negociación bilateral co Estado para darlle a Galiza “a chave dos seus cartos”.

A líder nacionalista referiuse así ao debate sobre o modelo de financiamento dende Ribeira, onde participou xunto ao alcalde da localidade, Luís Pérez, no Día do Carme, acompañando aos mariñeiros e mariñeiras da parroquia de Aguiño.

Pontón instou ao titular da Xunta a exercer como tal defendendo un modelo de financiamento propio para o País que permita “deixar atrás o actual modelo” que, advertiu, fai perder a Galiza “miles de millóns de euros cada ano”. “O que ten que facer o presidente da Xunta é deixar de abrazar o centralismo e defender con forza os intereses dos galegos e das galegas”, reivindicou.

Neste sentido, pediu a Rueda que reclame unha negociación bilateral co Goberno central para que Galiza teña un sistema propio de financiamento que lle permita ter “a chave dos seus cartos”. “Un sistema que nos permita recadar cada ano todos os recursos que se xeran na nosa economía e utilizar eses recursos para mellorar a sanidade, a educación ou a atención á dependencia”, afondou.

A portavoz nacional lamentou ver a un presidente da Xunta que “cada vez que ten que escoller entre Galiza ou o Partido Popular, escolle o Partido Popular”, tal e como tamén fixo cando “traizoou o País” rexeitando a quita da débeda pública negociada polo BNG, unha condonación que permitiría reducir en 4.000 millóns a débeda galega –“que, por certo, xerou o PP”, subliñou- e ter así máis recursos para destinalos aos servizos públicos, a atención ás persoas ou ao coidado do mar.

Pontón remarcou que este é un “momento clave” no que o que non se pode permitir é que Galiza “quede atrás” e se converta na “única nación histórica que non vai ter a chave dos seus cartos”.

Nesta liña, incidiu en pedirlle ao presidente do Executivo que “deixe de poñer por diante os intereses do Partido Popular” e que “empece a exercer como presidente dos galegos e das galegas” porque, recalcou, “Galiza o que non pode é quedar discriminada e o que non pode é seguir cun modelo de financiamento que nos fai perder”. “O que ten que facer o presidente do Executivo é poñerse á fronte e reclamar unha negociación bilateral para defender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu.