Pontón pide a Rueda que aclare se vai ir á Conferencia de Presidentes como presidente de Galiza ou como peón do PP

Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aclare se vai acudir á Conferencia de Presidentes como presidente de Galiza ou como mero peón da estratexia de crispación e confrontación que lle marca o PP desde a rúa Génova.

Pontón mostrou a preocupación do BNG ante as declaracións vertidas até o momento polo titular do Executivo en relación á próxima Conferencia, convocada para este venres en Barcelona, e criticou que o Goberno do PP “non ten determinación á hora de defender unha axenda galega”.

“Nós o que lle preguntamos ao señor Rueda é se vai ir a esa Conferencia de Presidentes a defender os intereses dos galegos e das galegas ou simplemente a seguir a estratexia de crispación e de conflito que lle está marcando o señor Feijóo dende Madrid”, cuestionou en declaracións aos medios logo da visita que realizou en Bergondo á empresa de elaboración de xeados artesanais Bico de Xeado.

A líder nacionalista recordou que hai “moitos asuntos importantes para Galiza en xogo”, entre os que apuntou a quita da débeda, o modelo de financiamento ou a mellora das infraestruturas.

“É necesario que haxa realmente unha axenda de País e non que vexamos á Xunta de Galiza convertida nun apéndice máis nesa estratexia de crispación e confrontación no que está instalada a política madrileña”, incidiu.

“O señor Rueda debe de darnos explicacións porque nos preocupan moito as declaracións que levamos escoitado até o momento”, concluíu logo de visitar as instalacións de Bico de Xeado, empresa na que exemplificou a capacidade e o potencial que ten Galiza para producir alimentos de calidade pechando ciclos produtivos a través da transformación de materias primas en produtos con alto valor engadido.