Pontón pide a Rueda que acepte a proposta da Conferencia de Presidentes para triplicar os fondos para vivenda pública

Ana Pontón

Reclama ao titular da Xunta que abandone o guión que lle mandan dende Génova e non desaproveite a ocasión para obter máis recursos do Estado

Critica a política da propaganda dun Goberno do PP que en 2024 deixou sen executar 127 millóns en materia de vivenda

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que deixe de seguir o guión que lle marcan dende a rúa Génova e acepte a proposta presentada na Conferencia de Presidentes para acadar un novo acordo estatal que permita triplicar o investimento destinado a vivenda pública.

“Parécenos moi grave que hoxe a Xunta aínda non dixera que si á proposta que saíu na última Conferencia de Presidentes que supón triplicar o investimento en vivenda pública”, criticou desde Muros, onde compareceu xunto á alcaldesa, María Lago, para avaliar a xestión do goberno municipal do BNG no ecuador do mandato.

A líder nacionalista recordou que o acceso á vivenda é un dos problemas máis importantes que teñen os galegos e ás galegas e ao que o Goberno do PP, lonxe de dar resposta, contribuíu “dinamitando durante 16 anos a política social de vivenda”, “case paralizando a política de vivenda pública” e permanecendo “de brazos cruzados” mentres os alugueres subían sen tomar medida algunha.

Pontón recordou que, neste ámbito de actuación, o Executivo do PP deixou sen executar 127 millóns de euros en 2024, polo que instou a Rueda a “abandonar a propaganda e pasar aos feitos”. “Cremos que un goberno que en 2024 deixou sen executar 127 millóns de euros en materia de vivenda, o que ten que facer é dicir con claridade que se van a incrementar os recursos para construír máis vivenda pública e que non imos deixar pasar a oportunidade de poder ter máis recursos para dedicalos ás políticas de vivenda”, afondou.  

Por iso, a portavoz do BNG instou aos populares a ser “máis eficaces na xestión dos recursos” que ten o País, dado que “cando un goberno anuncia recursos que logo non executa, o que está é instalado na política da propaganda”, sintetizou.

Neste contexto, reclamou ao titular do Executivo que “diga con claridade” que a Xunta vai a incrementar os recursos para vivenda e que non vai “deixar pasar a ocasión” de poder obter máis fondos do Estado para construír vivenda pública.

“O que lle reclamamos desde o BNG ao señor Rueda é que deixe de seguir o guión que lle mandan desde a rúa Génova e que exerza como presidente da Xunta”, incidiu a líder nacionalista ante un problema que, “con razón”, preocupa a miles de cidadáns porque a situación da vivenda en Galiza “é moi preocupante”, recalcou.

Tolerancia cero coa corrupción

Por outra parte, e a preguntas dos medios en relación ao informe da UCO, a portavoz nacional reiterou a posición do BNG de “tolerancia cero coa corrupción” e que “caia quen caia, se vaia até o fondo” do caso porque “a corrupción non se pode tolerar nunca” dado que “fai un dano enorme á democracia” e, ademais, incide no descrédito da política que é xusto o que menos se necesita, advertiu, “nun momento no que os discursos da extrema dereita están empezando a calar máis entre diversos sectores da poboación”.

Neste sentido, recordou que o Bloque xa ten solicitada a comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso para que dea todas as explicacións necesarias ante un caso que, subliñou, “repugna” á formación nacionalista. “O que exiximos é que haxa máxima transparencia e máxima contundencia”, indicou diante dunha caso que considerou inadmisible e no que agora “a xustiza ten que actuar”. 

Pontón advertiu da existencia dunha “corrupción sistémica” que “afecta ao bipartidismo” e recordo que “o Partido Popular non está en condicións de dar leccións de ética” porque é un partido condenado por corrupción. “O partido da caixa B, o de Bárcenas, o de M. Rajoy, o partido que en Galiza permitiu un sobrecusto de 470 millóns de euros no hospital Álvaro Cunqueiro”, enumerou para evidenciar que o PP “non é unha alternativa de rexeneración democrática”.

A diferenza do PP e do PSOE, que acumulan múltiples casos nas súas filas, a líder nacionalista reivindicou a “outra forma de facer política” dun BNG que, nos seus máis de 40 anos de vida, non ten “ningunha persoa condenada por corrupción”, alegou.

Por último, a líder nacionalista apuntou que esa corrupción sistémica que afecta ao bipartidismo tamén inclúe a determinadas empresas, polo que considerou precisas medidas que impidan este tipo de prácticas e que as que as cometan “teñan consecuencias moito máis graves que as que hai na actualidade”.