Parlamento Galego

Pontón pide a Rueda o cese da conselleira de Política Social tras os casos de anciáns desnutridos nas residencias

Ana Pontón

“Cantos Amoeiros máis hai esperando ver a luz?”, pregunta, e reclama que se fagan públicas as actas de inspección que o PP oculta á Cámara

Denuncia que o PP converte as residencias nun perigo para usuarixs e traballadoras derivando pacientes psiquiátricos sen persoal cualificado

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu na sesión de control ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, o cese da conselleira de Política Social logo de saír á luz os casos de anciáns desnutridos nunha residencia en Amoeiro.

Pontón denunciou as “condicións deplorables” nas que se atopaban as persoas maiores que vivían no centro, que “podían estar comendo leite con patacas como único alimento” e que nalgúns casos mesmo “levaban unha semana sen bañarse” e “un ano sen cortar o pelo” ou tiñan as uñas sucias, torcidas e rotas.

Diante desta situación, cuestionou ao presidente do Executivo como é posible que non tomase antes ningunha medida para garantir a atención adecuada das persoas maiores en Amoeiro. “E sobre todo, señor Rueda, como é posible que aínda non cesara a súa conselleira e Política Social por permitir semellante infamia”, interpelou.

A líder nacionalista recordou ao titular da Xunta que se trata dun caso de anciáns desatendidos en situacións indignas en centros nos que debería estar garantido “o seu coidado, o seu respecto e a súa seguridade” e criticoulle o seu “modelo privatizado” no que as persoas maiores son tratadas “como números no negocio da vellez”.

“Cantos Amoeiros máis hai en Galiza esperando saír á luz?”, preguntou logo de referirse tamén ao peche anunciado onte mesmo doutro centro de maiores en Xinzo de Limia porque as persoas usuarias estaban mal atendidas.

“O seu goberno está convertendo as residencias nun perigo para as persoas maiores, tanto por acción como por omisión”, acusou a un Rueda ao que reprochou que, como no caso de Amoeiro, pasara anos “mirando para outro lado a pesar das denuncias e das inspeccións” e que estea derivando pacientes psiquiátricos ou drogodependentes ás residencias de maiores “sen contar con persoal especializado para poder atendelos”.

A consecuencia destas decisións, remarcou, é que o Executivo do PP está poñendo en perigo tanto a vida das persoas usuarias como a das propias traballadoras e traballadores destes centros de maiores.

Un risco, recordou, do que xa advertiu a Inspección de Traballo nun “informe demoledor” despois de visitar a segunda residencia máis grande de Galiza. “A Inspección de Traballo alerta de risco mortal, de risco mortal, señor Rueda, nas residencias de anciáns onde a Xunta aparca pacientes psiquiátricos”, recalcou ao ler as informacións xornalísticas que recollían o informe da Inspección. 

Neste contexto, Pontón insistiu en reclamar a Rueda, en primeiro lugar, o cese da conselleira de Política Social pola súa “incompetencia política á hora de garantir os dereitos das persoas maiores”.

En segundo lugar, defendeu o incremento do número de inspectores e que se garante que poidan facer o seu traballo. “Que non vai haber chivatazos a residencias cando vaian a inspeccionar as mesmas”, incidiu en alusión ás denuncias realizadas polos propios inspectores de Política Social no seu día e que, incidiu, na vez de ser escoitados, foron expedientados polo Goberno do PP.

E en terceiro e último lugar, pediu a Xunta faga públicas as actas de inspeccións e sancións ás residencias para que as familias saiban cal é a situación de cada centro, unhas actas que o Executivo continúa sen remitir á Cámara.

“Por que non envían as actas ao Parlamento? Que é o que teñen que ocultar?”, cuestionou a un Rueda que, tras presumir da intervención do seu goberno no caso de Amoeiro, recordou que quen actuou no centro foi a Garda Civil. “Quince días antes houbo unha inspección da Xunta e vostedes miraron para outro lado, quen entrou a pechar esa residencia foi a Garda Civil”, reprobou.  

A portavoz nacional criticou a Rueda a súa falta de respecto polas persoas maiores ao non responder a nada do que lle preguntou sobre a súa xestión nas residencias e dedicarse, como fai habitualmente en todas as sesións de control, ao insulto e o ataque persoal e a enlamar o debate.

“Xa lle digo que non conte comigo, para importar esa política cutre xa está vostede”, respondeu, para afearlle a continuación que considerase unha “algarada” denunciar a situación dunha residencia na que había persoas maiores desnutridas. “Se fose o seu pai ou a súa nai a que estivera nesa residencia, viría aquí a poñerse unha medalla, non dar nin unha soa explicación, e dicir que o están facendo todo moi ben?”, recriminoulle.

Pontón emprazou ao titular da Xunta a evitar que se volvan repetir situacións como as de Amoeiro, tomar medidas como as propostas polo BNG neste sentido e a rectificar e acabar co deterioro dos coidados das persoas maiores e cun modelo que as pon en risco. “Estamos falando de algo moi serio, de persoas que poderían ser as nosas nais, os nosos pais, os nosos avós ou as nosas avoas, e vostedes teñen a obriga de garantirlles unhas condicións de vida dignas”, concluíu.