Pontón pide a comparecencia urxente de Rueda ante a sucesión de “propostas disparate” que atentan contra a sanidade pública

Ana Pontón
Ana Pontón
Pregúntase se hai alguén a fronte da Xunta, ante propostas como urxencias telemáticas nos PACs ou substituír persoal médico polo de enfermería

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG solicitará a comparecencia urxente do presidente da Xunta no Parlamento para que dea conta do “desastre que está poñendo en marcha na sanidade pública”, tras preguntarse á vista da sucesión de propostas disparatadas, “se hai alguén á fronte do Goberno da Xunta”. 

“Está claro que non á vista de que este Goberno vai de ocorrencia en ocorrencia  poñendo en risco a saúde dos galegos e das galegas”, denunciou Pontón en referencia ás últimas medidas anunciadas polo Executivo do PP, como atender as urxencias nos PACs usado telepantallas ou substituír persoal médico por persoal de enfermería. “Estamos ante  unha nova chapuza”, incidiu desde Soutomaior, onde mantivo un encontro con produtores vitivinícolas.  

Pontón denuncia que Goberno do PP “leva trece anos traballando para demoler a sanidade pública” e, os últimos anuncios, mostran que está nunha fuxida cara adiante, de aí que o BNG demande a comparecencia urxente de Rueda.  “Ten que dar a cara e temos que parar o deterioro do noso sistema público de saúde da man dun PP que, cada vez, dá un paso máis, agora coa proposta de PACs sen persoal facultativo. Queremos que as urxencias se atendan presencialmente e queremos PACs nos que os médicos e médicas exerzan como tales e os enfermeiros e enfermeiras, tamén”.

A líder do Bloque volve reclamar a Alfonso Rueda “que deixe de poñer en risco a saúde e a vida dos galegos e das galegas e que dea un xiro de 180 graos na súa política de acoso á sanidade pública, porque coa saúde da xente non se xoga”, subliñou.

A portavoz nacionalista sumou ás últimas ocorrencias do PP aos trece anos de recortes e privatizacións que conduciron á situación na que hoxe se atopa a sanidade pública, cunha atención primaria colapsada con listas de espera de ata quince días para ter cita presencial nos centros de saúde, miles de usuarios e usuarias que non teñen médica asignada e nenos e nenas sen pediatra ao longo e ancho de Galiza. O Goberno do PP está empeñado “en demoler a sanidade pública, pero non imos deixar que o consiga”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG