Pontón pide a comparecencia urxente de Rueda no Parlamento para que explique que está pasando nas residencias de maiores
Denuncia que o coidado e dignidade das persoas maiores nos centros non está garantida logo dos alarmantes casos en Monforte, Amoeiro ou Xinzo
“Que máis ten que suceder, cantos anciáns desnutridos e cantos Amoeiros máis ten que haber para que o titular da Xunta tome medidas?”, cuestiona
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou a comparecencia urxente no Parlamento do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que dea explicacións do que esta a acontecer nas residencias de maiores, logo de coñecerse un novo caso de abandono na Residencia DomusVi de Monforte, unha das máis grandes do País.
“Que máis ten que pasar, cantos anciáns desnutridos e cantos Amoeiros máis ten que haber para que o presidente da Xunta deixe de mirar para outro lado e se tomen medidas que garantan vellez digna ás persoas maiores”, preguntouse Pontón, que considerou de “máxima gravidade” as denuncias feitas ao BNG sobre a situación da residencia monfortina, segundo as cales as persoas maiores conviven con sucidade e cheiros insoportables e, de novo, mal alimentadas, neste caso con patacas mesturadas con natillas.
“É evidente que neste momento non se están garantindo as condicións necesarias de atención en todo sistema de residencias do País”, denunciou a portavoz nacional, recordando o acontecido tamén na vivenda comunitaria de Amoeiro —que tivo que ser pechada hai un mes tras descubrirse que os usuarios e as usuarias estaban desnutridas e en malas condicións— ou as irregularidades detectadas na de Xinzo de Limia, clausurada unha semana despois.
É por iso que considerou que Rueda ten que darlle explicacións aos galegos e ás galegas e, sobre todo, actuar de maneira urxente con medidas para garantir unha boa atención ás persoas maiores nas residencias do País. E tamén, engadiu, para mellorar as condicións do cadro de persoal destes centros, maioritariamente mulleres que traballan “en condicións moi precarizadas, con salarios moi baixos e con moitísima temporalidade”.
A residencia de Monforte é precisamente, apuntou, exemplo da precariedade das traballadoras, que teñen que afrontar quendas pola noite de tan só tres coidadoras e unha enfermeira para atender ata 180 usuarios.
Tras recordar a inxente cantidade de recursos públicos que empresas como DomusVi están recibindo das arcas públicas, Pontón criticou que o Goberno galego rexeite actuar como mediador e “nin tan sequera se digna a reunirse coas mulleres que están coidando unha parte tan importante da poboación no noso País”.
Onde están as actas de inspección?
Durante a súa visita a Soutomaior, a líder do BNG volveu reclamar a Alfonso Rueda que faga públicas as actas das inspeccións nas residencias de maiores solicitadas polo BNG e, nomeadamente, as que corresponden tanto ao centro de Monforte como á vivenda de Amoeiro. Sobre esta última, recordou que quince días antes de ser pechada recibiu unha visita dos servizos de Inspección de Política Social mais tivo que ser unha inspección de traballo e a Garda Civil quen desencadease o desaloxo das persoas usuarias.
“Por que o señor Rueda oculta ese acta de inspección que non remite ao Parlamento?, cuestionou a líder nacionalista, que concluíu advertindo que tras o sucedido en Amoeiro, Xinzo e agora Monforte xa non se pode falar de “casos illados” senón “dun problema que explotou durante a pandemia e diante do cal a Xunta, en vez de tomar medidas para reverter a situación, segue a mirar para outro lado”.