Parlamento Galego

Pontón pedirá a Rueda explicacións polo aumento das listas da dependencia e os problemas na atención ás persoas maiores

Luís Bará

O BNG pide ao Goberno do PP que aclare se vai aceptar a quita da débeda ou vai seguir acatando as ordes de Génova en contra do interese de Galiza

A atención ás persoas maiores vai centrar a intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na quenda de preguntas ao presidente da Xunta no vindeiro Pleno, no que reclamará a Rueda explicacións polo aumento das listas de espera da dependencia, que xa se sitúan nos 393 días de media, a cuarta máis alta de todas as comunidades autónomas, segundo os últimos datos do Ministerio de Dereitos Sociais.

“Son prazos absolutamente inxustificados”, asegurou tras a reunión da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do Pleno o viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, que considerou ademais “dramático” que no que vai de ano morresen en Galiza 55 persoas agardando pola presentación da dependencia.  Datos que a portavoz nacional porá de relevancia na pregunta ao presidente xunto á falta de prazas nas residencias para persoas maiores ou as difíciles condicións laborais nas que traballa o seu persoal, sobre todo na rede privada de centros.

No eido social, o BNG formulará tamén unha interpelación sobre as deficiencias nos centros de atención a menores tutelados pola Xunta, que sofren falta de persoal e de servizos como a atención psicolóxica ou psiquiátrico a estes nenos e nenas.

A quita da débeda será outros dos temas principais do BNG no Pleno. Tras a “reunión express”, de tan só tres minutos segundo os medios de comunicación, que mantiveron representantes da Xunta e o Goberno do Estado sobre esta cuestión, o Bloque quere saber se o Goberno de Rueda “vai aceptar a proposta de quita da débeda, que tería claramente unha repercusión moi positiva nas contas públicas galegas porque permitiría destinar máis recursos públicos, por exemplo, ao coidado das persoas maiores ou a mellorar outros servizos públicos que teñen graves deficiencias”, precisou Bará.

Porén, o deputado nacionalista criticou que malia os efectos positivos da condonación de máis de 4.000 millóns de euros, que o BNG negociou en Madrid, a Xunta en mans do PP teña unha postura “absolutamente mediatizada e condicionada polas directrices de Génova”. O rexeitamento da quita —criticou— foi unha decisión que tomaron ao “alimón” todas as comunidades do PP “por intereses do PP e non da cidadanía”.

No apartado das proposicións non de lei, o Bloque defenderá a recuperación do Consello Galego da Minería e a participación no mesmo de sindicatos, asociacións ambientais ou organización de montes, representación “que foi suprimida na última modificación da lei que fixo o PP” porque “queren vetar que este sexa un órgano real de participación de toda a sociedade”. “O PP na Xunta xa ten acordado co lobby mineiro a aceleración de proxectos mineiros sen ter feito o plan sectorial que está previsto a lei tramitada no 2013-2014, que foi aparcada está claro por que intereses”, denunciou Bará.

O Bloque pedirá así mesmo no Pleno que o Parlamento galego fixe a súa posición respecto o “rearme e á ofensiva militarista” e sobre a situación que esta a sufrir o pobo Palestino.

A necesidade dun centro de día en Corcubión, os pisos turísticos no rexistro da Xunta que non cumpren coa normativa municipal ou a repercusión de Altri no sector agrogandeiro da comarca da Ulloa completan a lista de temas que se debaterán no Pleno a iniciativa do BNG.